AD

Actualidad

Ames réndelle homenaxe ao grupo de cantareiras As Maianas, con motivo do Día de Galicia

today23 julio, 2026

Fondo
share close
AD

A artista Felisa Segade foi a encargada en amenizar o acto coa interpretación de varias pezas musicais e o himno galego, xunto con, precisamente, As Maianas. Por outra banda, o acto estivo presentado pola xornalista e escritora Paula Señarís

Ao longo do acto interviron o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal

Blas García: “O maior éxito das Maianas foi conseguir que moitas persoas volveran mirar a música tradicional con orgullo. Que moitos nenos e nenas descubriran as pandeiretas, as cunchas ou o canto tradicional como algo propio. Que Galicia soase tamén con acento de Ames”

Ames, 23 de xullo de 2026 – O Concello de Ames celebrou na tarde de hoxe, xoves 23 de xullo, o acto do Día de Galicia. Unha vez máis, o Pazo da Peregrina foi o escenario escollido para un acto de celebración da galeguidade e, ao mesmo tempo, dun acto de recoñecemento ao grupo de cantareiras As Maianas, que recibiu a medalla do Concello de Ames pola súa traxectoria. Ao longo do acto interviron o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. A artista Felisa Segade foi a encargada en amenizar o acto coa interpretación de varias pezas musicais e o himno galego, xunto con, precisamente, As Maianas. Por outra banda, o acto estivo presentado pola xornalista e escritora Paula Señarís.

O Pazo da Peregrina acolleu na tarde deste xoves o xa tradicional acto institucional que celebra anualmente o Concello de Ames con motivo do Día de Galicia. Acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal; representantes de asociacións municipais; así como relevantes veciños/as e entidades de Ames.

A pandeireteira e vocalista galega Felisa Segade foi a encargada de abrir o acto coa interpretación do Canto e Muiñeira de Bembibre, peza tradicional que foi recollida no Val do Dubra. Tras esta primeira intervención musical, foi a queda de Paula Señarís, que deu paso a cada un dos voceiros e voceiras de todos os grupos municipais.

Deste xeito, a primeira en tomar a palabra foi a portavoz de Espazo Común de Ames, Luísa Feijóo, quen definiu a Galicia como “non só unha paisaxe fermosa nin unha historia que herdamos, Galicia, a nosa terra nai, é unha forma de entender a vida. Celebrar o día de Galicia é celebrar ás persoas que, día a día, manteñen vivo ese patrimonio común”. A representante de ESCO sinalou, en referencia ás Maiana, que “as cinco mulleres que, coa forza das súas voces e das súas pandeiretas, levan anos facendo algo extraordinario, tamén fan país, e levan o nome da Maía, e sobre todo o de Ames, por onde van”.

Posteriormente, foi a quenda da portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Escarlata Pampín, quen reivindicou que “a nosa lingua é moito máis ca un instrumento de comunicación. É a forma na que contamos o que fomos e soñamos o que queremos ser. Sen lingua e sen cultura, Galicia non sería o que é; unha nación viva, diversa, orgullosa e en movemento.”. A edil nacionalista citou as palabras de Lelo, o protagonista de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, “Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Un ninguén”, antes de rematar co seu recoñecemento ás Maianas, ás que considera “referentes para as nosas nenas”.

Tras a intervención de Pampín, a portavoz do Partido Popular, Olivia Agra, sinalou que “nun mundo cada vez máis global, conservar a identidade non significa pecharse, senón ofrecer ao mundo aquilo que nos fai singulares”. A portavoz popular mostrou o seu “orgullo de pertencer a esta terra e poder compartir o valor das persoas e colectivos que, co seu traballo, contribúen a manter viva a nosa identidade”. En canto ás Maianas, Agra considerou merecida a homenaxe a “un referente do noso municipio”.

Pechou a rolda de intervencións o portavoz do Partido dos Socialistas de Galicia, Víctor Fernández, quen apelou a “un pobo unido que, ao longo dos séculos, soubo manter viva a súa lingua, a súa cultura e a súa identidade, ao tempo que se abriu ao mundo con vocación de progreso”. O representante socialista incidiu en que esta “é unha data para poñer en valor que o Día de Galicia construímolo todos os días”, e agradeceu ás Maianas “pola súa dedicación, por seguir apostando pola música e cultura en galego alá onde van”.

Entrega da medalla do Concello de Ames

O alcalde de Ames, Blas García, comezou o seu discurso recordando que “hai xa varios anos que decidimos facer algo que nos identifica bastante ben como concello: celebrar o Día de Galicia o 23 de xullo. Facémolo porque nos gusta abrir camiño, porque Ames é un concello dinámico, inconformista, que mira sempre cara a adiante. Pero tamén porque entendemos que celebrar Galicia non é cuestión dun único día, senón dunha maneira de sentir e de vivir.”

O rexedor aproveitou a súa intervención para anunciar que o Concello de Ames iniciará o procedemento para que a actual praia fluvial de Tapia pase a denominarse Praia Fluvial Maximino Viaño: “Viaño. Será unha forma de que o seu nome permaneza unido para sempre a un dos espazos máis queridos e máis vividos do noso municipio. Un recoñecemento permanente a quen tanto lle deu a Ames. As sociedades medran cando son capaces de lembrar. Cando saben agradecer ás persoas que deixaron unha pegada fonda na vida colectiva. Hai persoas que fan concello. Persoas que, co seu compromiso, coa súa dedicación e coa súa forma de entender o servizo público e a vida comunitaria, pasan a formar parte da historia dun lugar.”

Blas García rematou a súa intervención fundíndose en eloxios cara ás Maianas: “Hai case vinte anos nacía en Ames un grupo de mozas cunha idea moi clara: demostrar que a música tradicional galega non era unha peza de museo, senón unha expresión viva, moderna e capaz de emocionar ás novas xeracións. Ao longo destes anos levaron o nome de Ames por toda Galicia e tamén máis alá das nosas fronteiras. Construíron unha personalidade artística propia, apostando por composicións orixinais sen renunciar nunca ás raíces. Souberon combinar tradición e innovación con absoluta naturalidade. O seu maior éxito foi conseguir que moitas persoas volveran mirar a música tradicional con orgullo. Que moitos nenos e nenas descubriran as pandeiretas, as cunchas ou o canto tradicional como algo propio. Que Galicia soase tamén con acento de Ames. ”

Unha vez rematada a súa intervención, o alcalde outorgoulle a medalla do Concello de Ames ao grupo de cantareiras As Maianas. Esta agrupación, formada en Ames no 2007, destaca pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.

Ao longo destes anos percorreron Galicia con todo tipo de concertos, foron gañadoras do Premio do Xurado do concurso da Radio Galega Vas sacar nota? no 2012, gañaron o certame Novos Valores promovido polo Festigal no 2015 e participaron en programas radiofónicos e televisivos como o Luar ou Lume na Palleira.

Tamén levaron a súa música a colexios de educación infantil e primaria a través de concertos didácticos. Apostaron ademais por achegar a música tradicional á veciñanza amesá, organizando entre os anos 2008 e 2018 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, por onde pasaron agrupacións musicais de toda Galicia, e ofrecendo no 2019 a primeira edición do Serán da Maía.

Logo de recoller a medalla, as cantareiras rememoraron os seus inicios: “A comezos do 2007, alguén nos veu dicir á nosa aula de pandeireta, nas escaleiras da planta baixa da Casa da Cultura de Bertamiráns, que tiñamos a nosa primeira actuación como grupo de pandeireteiras. A nai de Inés propuxo que nos chamásemos Maianas, que era como coñecían ás mulleres de Ames cando ían de festa”.

As cantareiras continuaron narrando a súa historia, pola que pasa ineludiblemente o Festival da Maía, ata chegar ata o día de hoxe, onde “a nosa música xa é de composición propia, pero non se esquece da raíz tradicional. Fala de amor, de desamor, da terra, da amizade… Sempre coa responsabilidade de coidar a nosa música e seguir cantando en galego”.

O acto pechouse coa interpretación do himno galego por parte de Felisa Segade en acompañamento das recén homenaxeadas Maianas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *