AD

Comarca

O BNG apoia a concentración en defensa dunha sanidade pública digna no Barbanza

today4 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) participou este mércores na concentración convocada por SOS Sanidade Pública e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza diante do Hospital da Barbanza en defensa da sanidade pública e para denunciar o continuo incremento das listas de agarda, unha situación que afecta de maneira cada vez máis grave á veciñanza da comarca e do conxunto de Galiza.

A mobilización, impulsada no marco das protestas desenvolvidas hoxe diante de centros de atención primaria e hospitais de todo o país, serviu para reclamar unha atención sanitaria pública digna, de calidade e sen demoras excesivas para a poboación.

O responsable comarcal do BNG, Fran Rei, encabezou a representación nacionalista na concentración e denunciou “o deterioro cada vez máis evidente da Sanidade pública provocado polas políticas de recortes e privatización que aplica o Partido Popular desde a Xunta”.

“Estamos asistindo a un empeoramento da atención sanitaria, cunhas listas de agarda que medran tanto en Atención Primaria como no ámbito hospitalario. O PP está a empurrar á xente cara á sanidade privada pola vía dos feitos”, afirmou Rei.

O dirixente nacionalista reclamou un cambio de rumbo por parte do Goberno galego e esixiu “un reforzo inmediato con máis profesionais, medios e unha planificación sanitaria que contribúa a reducir as esperas excesivas que se viven hoxe en día para mellorar a situación xeral da Sanidade pública”.

Pola súa banda, o exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, advertiu de que o Partido Popular fixo un recorte de 1.650 millóns de euros no sistema público de saúde nestes anos de gobernos populares mentres aumenta os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano 2026 a «cifra récord» de 341 millóns de euros.

“Na comarca do Barbanza estamos vendo como aumentan as dificultades para acceder a especialistas, probas diagnósticas ou intervencións nun tempo razoable. A sanidade pública é un dereito e imos seguir traballando dende as institucións pero tamén mobilizándonos e apoiando todas aquelas iniciativas que sirvan para defendela fronte os ataques que recibe do Partido Popular”, sinalou Pérez Barral.

Desde o BNG reiteraron o seu compromiso coa defensa dunha sanidade pública e de calidade, e fixeron un chamamento á poboaicón para continuar participando nas mobilizacións en defensa dun sistema sanitario “que garanta unha atención digna e sen listas de agarda excesivas”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *