AD

Deportes

A SD Compostela e o Sigüeiro FC poñen fin a cinco anos de colaboración deportiva

today10 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O convenio permitiu a formación e proxección de numerosos canteiráns composteláns e consolidou ao club orosano como un referente na Preferente de Galicia. 

A SD Compostela e o Sigüeiro FC acordaron poñer fin ao convenio de colaboración que uniu ambas entidades durante as últimas cinco tempadas. A decisión chega por iniciativa da nova xunta directiva do club orosano, que trasladou á entidade compostelá a súa vontade de emprender unha nova etapa deportiva cun proxecto propio.

Nun comunicado emitido este mércores, a SD Compostela expresou o seu respecto pola decisión adoptada polo Sigüeiro FC e destacou o carácter cordial co que se desenvolveu o proceso. Ambas as partes coinciden en cualificar como moi positiva unha relación que contribuíu ao crecemento deportivo dos dous clubs.

Durante estes cinco anos, o acordo converteuse nunha ferramenta fundamental para o desenvolvemento dos futbolistas da Canteira Picheleira. Tras rematar a súa etapa xuvenil, numerosos xogadores atoparon no conxunto de Oroso un escenario idóneo para continuar a súa progresión e dar o salto cara ao primeiro equipo compostelanista.

No plano deportivo, o Sigüeiro FC consolidouse como un dos equipos máis competitivos da Preferente Galicia, mantendo unha destacada presenza na categoría e logrando un segundo posto e dous terceiros postos como mellores clasificacións. Ademais, durante este período, o club orosano conquistou a terceira Copa do Sar da súa historia.

Desde a SD Compostela quixeron agradecer publicamente “todas as facilidades e a excelente colaboración” mantida polo Sigüeiro ao longo desta etapa, así como recoñecer o labor desenvolvido pola directiva encabezada por Antonio Liñares Nouche. Do mesmo xeito, a entidade branquiazul destacou a sinceridade e o respecto coa que a nova directiva, presidida por José Daniel Viqueira, comunicou a súa decisión.

O club compostelán despediu esta etapa desexando ao Sigüeiro FC os maiores éxitos no seu novo camiño e nos desafíos que afrontará nos vindeiros anos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *