AD

Comarca

Brión destina máis de medio millón de euros á débeda da Mancomunidade Serra do Barbanza

today17 junio, 2026

Fondo
share close
AD

A concelleira do BNG Marta Romero tomou posesión do seu cargo tras a renuncia de Teresa Andrade

17 de xuño de 2026.- O Pleno de Brión aprobou esta mañá un suplemento de crédito (SC 1/2026) de 1.075.400 euros para o pago de facturas e gastos, dos que 501.291 euros irán destinados a paliar o incremento das cotas á Mancomunidade Serra do Barbanza. Unha operación que, xunto co seguinte Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC 2/2026) para o pago das facturas recollidas no SC1/2026, foron aprobada cos votos a favor dos grupos socialista e popular, e coa abstención do grupo municipal do BNG.

O secretario municipal foi o encargado de detallar este suplemento de crédito, onde a maior cantidade se corresponde co pago dos incrementos de cotas á Mancomunidade Serra do Barbanza para reducir a débeda que todos os municipios integrantes teñen con FCC pola prestación do servizo de recollida do lixo nos últimos vinte anos. Así mesmo, outros 81.000 euros destinaranse ao pago de facturas e o resto destinarase ao pago de pequenas actuacións de obras, sobre todo en materia de saneamento e abastecemento de auga en distintos puntos do municipio (Urbanización Agronovo, Sabaxáns, Ons, Tarrío…).

Remanente de Tesourería

Unhas modificacións de crédito que foron aprobadas con cargo ao Remanente de Tesourería para Gastos Xerais que, segundo se revelou minutos antes na dación de contas sobre a liquidación do Orzamento de 2025, ascende a 3.609.959 euros, e conta cun informe favorable da Intervención Municipal, destacando que se cumpren as regras de estabilidade orzamentaria, gasto e débeda pública.

O Pleno tamén aprobou, novamente cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención do BNG, a disposición do gasto correspondente ás cotas da Mancomunidade Serra do Barbanza para o exercicio 2026 pola xestión dos residuos sólidos urbanos, que ascende a 934.000 euros. Diante da abstención do BNG, o alcalde Pablo Lago tomou a palabra para lembrar que os nacionalistas “estaban representados na asemblea da Mancomunidade que aprobou por unanimidade entrar en Sogama” e fíxolles un chamamento á responsabilidade, toda vez que “estas cotas son o resultado de 20 anos de débeda, cuxo pago tamén foi aprobado por todas as formacións políticas representadas na Mancomunidade”.

Finalmente, como cada mes de xuño dende 2012 o Pleno municipal aprobou a actualización da Ordenanza fiscal reguladora da taxa de saneamento e depuración de augas residuais, que se realiza de acordo ao 85% do IPC de abril de 2025 a abril de 2026, que neste caso é de +2,72%.

Tras a aprobación da acta da sesión anterior, tomou posesión a nova concelleira do grupo municipal do BNG, Marta Romero, quen substitúe a Teresa Andrade, quen abandonou a corporación alegando motivos persoais. Dende a Alcaldía lle desexaron o mellor no desenvolvemento da súa función como concelleira.

Mocións

Na quenda de mocións, o BNG presentou dúas. A primeira delas era unha copia de presentada en febreiro deste mesmo ano no Parlamento de Galicia para a recuperación pública das concesións hidroeléctricas no río Tambre e a creación dunha empresa pública galega de enerxía, que foi aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG, fronte á abstención do PP.

Decaeu a segunda moción, que esixía a creación dun comité de traballo técnico, pero no que participasen os representantes da veciñanza, para avaliar a situación e configurar un informe sobre medidas e propostas para paliar os problemas de inundacións en varias aldeas da parroquia dos Ánxeles. A voceira do Grupo de Goberno, Sandy Cebral, xustificou o voto en contra en que “o que propoñen non ten utilidade ningunha para os veciños e veciñas” xa que “este Equipo de Goberno leva moito tempo traballando, buscando e acometendo accións para paliar os problemas derivados das inundacións que se producen nestas aldeas, declaradas zonas inundables pola Xunta, e xa temos contratado unha empresa que se encarga de deseñar as medidas que o Concello pode acometer na zona e as que lle poden pedir a outras Administracións”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *