Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 junio, 2026
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, formalizaron hoxe a cesión de dúas parcelas situadas en Castro de Abaixo, concretamente na avenida de Syra Alonso, identificadas cos números 5 e 7. Teñen unha superficie de 1.120 metros cadrados e capacidade para 36 vivendas públicas.O valor das dúas parcelas supera o millón de euros. “Este acto simbólico de entrega de dúas parcelas á Xunta é un contributo de toda a cidadanía de Santiago a un fin social de primeira orde: lograr que as persoas con máis dificultades poidan acceder a vivendas de calidade” afirmou a rexedora municipal.
O acto tivo lugar na propia parcela sobre a que agora a Sociedade Vivenda Pública de Galicia S.A. (Vipugal) impulsará as vivendas públicas. Tamén estivo o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, outros membros do goberno, a portavoz Míriam Louzao e Xan Duro, e integrantes do resto da corporación municipal. Tras a súa aprobación en Xunta de Goberno Local en febreiro deste ano e o trámite de exposición pública, o Concello notificou a posta a disposición das parcelas, o que permitiu que a entidade autonómica, en canto foi aceptada a notificación, lanzara xa a licitación para a construción das vivendas, por valor de 7 millóns de euros para 34 VPP. Está aberto o prazo de presentación de ofertas desde hoxe ata o 3 de setembro, tras o que se abre un prazo de 4 meses para a redacción do proxecto. A execución é de 20 meses e, segundo a Xunta, se espera que sexan unha realidade en 2028.
Na súa intervención este xoves, Sanmartín Rei parabenizouse por este acordo alcanzado, froito do entendemento entre institucións, e manifestou unha vez máis a “vontade e desexo de ampliar a colaboración”, tamén noutros ámbitos. “Son moitos os lugares de encontro posibles”, manifestou a rexedora municipal, quen mencionou en relación á vivenda o ofrecemento de compartirmos un programa de rehabilitación de edificios, o plan de medidas correctoras xa aprobado, as propostas de rexeneración urbana ou a execución do novo Plan estatal de vivenda rececentemente aprobado como marcos para afondar nesa colaboración.
Goretti Sanmartín explicou a situación actual para facer fincapé en que son necesarias “políticas valentes que interveñan para frear a voracidade do mercado”, como así o entende o goberno que lidera, e por iso activáronse todas as ferramentas das que dispón o Concello para ofrecerlle á veciñanza a posibilidade de acceder a unha vivenda a un prezo que poida pagar. Puxo como exemplo o freo á deriva de inmobles residenciais a aloxamento turístico, as modificacións fiscais para incentivar a posta en uso da vivenda baleira, a ampliación da reserva de vivenda protexida no corazón do Ensanche e a bonificación da construcción da vivenda protexida. E tamén defendeu a aposta do goberno por garantir a conservación e o uso dos inmobles abandonados, co rexistro de soares ou a compra de inmobles en desuso e catalogados por parte do Concello para a súa rehabilitación.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)