AD

Deportes

O Milladoiro converterase na capital dos porteiros galegos cun evento pioneiro

today22 junio, 2026

Fondo
share close
AD

 

A iniciativa organizada por Arexia GK celebrarase o 27 de xuño no novo campo do Milladoiro e contará con participantes chegados de toda Galicia e mesmo doutras comunidades, consolidándose xa na súa primeira edición como unha cita de referencia para os especialistas da portería.

A primeira Batalla de Porteiros de Ames desborda as previsións e pecha inscricións con 130 participantes

O novo campo de fútbol do Milladoiro converterase o próximo 27 de xuño nun escenario pouco habitual. Durante toda unha xornada, os protagonistas non serán os goleadores nin os centrocampistas, senón os gardametas. A primeira edición da Batalla de Porteiros Arexia GK, unha iniciativa pioneira promovida polo porteiro e empresario compostelán Adrián Couselo, chega avalada por unha resposta que superou todas as expectativas da organización.

O evento, que nace co obxectivo de reivindicar a figura do porteiro dentro do fútbol base, tivo que ampliar en varias ocasións o número de prazas previstas ata alcanzar os 130 inscritos. Un éxito que obrigou mesmo a pechar definitivamente as inscricións varios días antes da celebración.

Tivemos que pechar porque se nos foi un pouco das mans, no bo sentido. Empezamos con 80 inscritos, despois ampliamos a 100 e finalmente a 130 participantes”, explicou Couselo durante a súa intervención nos micrófonos de Radio Líder Santiago.

A cita está organizada por Arexia GK, unha empresa creada a comezos deste ano e especializada no asesoramento e distribución de material específico para porteiros. O proxecto naceu da propia experiencia do seu promotor, que detectou a falta de servizos especializados para un posto tan específico como o da portería.

Os porteiros somos os grandes esquecidos”, asegurou Couselo. “Se un porteiro é o mellor xogador do partido é porque algo foi mal no equipo, pero se falla, a culpa adoita recaer toda sobre el”, reflexionou.

Un deporte dentro do deporte

A competición recupera un formato moi popular hai anos pero practicamente desaparecido nas últimas décadas. O sistema é sinxelo: un porteiro enfróntase directamente a outro porteiro nunha batalla individual na que ambos deben atacar e defender.

É como os meta-meta que faciamos no colexio. O porteiro ten que facer absolutamente todo: tirar, parar e decidir cada acción”, explicou o organizador.

Os encontros terán unha duración de cinco minutos e disputaranse mediante un sistema de liguiñas e eliminatorias ata proclamar os vencedores de cada categoría. Haberá competicións desde os máis pequenos ata categorías superiores, unha circunstancia que sorprendeu mesmo á organización.

Inicialmente non estaba prevista a categoría prebenxamín, pero a insistencia das familias levou a incorporala. “Pensabamos que os nenos de seis ou sete anos aínda non tiñan moi claro se querían ser porteiros, pero foi outra das categorías que se completou rapidamente”, destacou.

Participantes de toda Galicia e máis aló

A repercusión alcanzada nas redes sociais e entre os clubs de fútbol provocou que as inscricións chegasen desde distintos puntos da comunidade autónoma e mesmo de fóra de Galicia.

Temos porteiros desde Cambados ata A Coruña e incluso unha porteira que vén desde Cádiz”, explicou Couselo.

O organizador recoñece que a resposta obtida superou amplamente as previsións iniciais e converte esta primeira edición nunha experiencia ilusionante para todos os implicados.

A intención é que a xornada sexa moito máis que unha competición deportiva. O obxectivo pasa por crear un espazo de convivencia entre gardametas de distintas idades, onde os máis novos poidan aprender dos maiores e compartir experiencias arredor dunha posición tan singular dentro do fútbol.

Queremos que sexa unha festa dos porteiros de Galicia”, resumiu.

Unha disciplina con identidade propia

Durante a entrevista, Couselo tamén reivindicou a especificidade da posición de porteiro e a necesidade dun traballo diferenciado dentro dos clubs.

“O porteiro non traballa o mesmo que o resto dos xogadores. Hai que adestrar reflexos, explosividade, colocación e moitas outras cuestións específicas”, explicou.

Na súa opinión, unha das maiores dificultades do posto non é unha parada espectacular nin un penalti decisivo, senón manter a concentración durante todo o encontro.

O máis complicado é manter a concentración os 90 minutos”, sinalou. “Nun partido no que apenas participas durante moitos minutos tes que estar preparado para actuar en décimas de segundo”.

Porteiro en activo do Villestro e capitán do equipo durante as últimas tempadas, Couselo recoñece que a súa paixón pola portería vén de lonxe. “Eu creo que o porteiro nace, non se fai”, comentou, convencido de que existe unha vocación especial detrás de quen decide colocarse baixo paus.

Apoio empresarial e premios para os mellores

A organización contou coa colaboración de numerosas empresas e negocios da comarca, que achegaron material deportivo, servizos e distintos agasallos para os participantes.

Sen eles sería imposible facer algo así”, recoñeceu Couselo.

Os tres mellores clasificados de cada categoría recibirán premios compostos por luvas de porteiro, descontos en material especializado, sesións de masaxe, meses gratuítos en academias de adestramento, produtos personalizados do evento e outros agasallos cedidos polos patrocinadores.

A entrada ao recinto será gratuíta e ao longo da xornada realizaranse sorteos e actividades complementarias para os asistentes.

Con todos os preparativos xa ultimados e as inscricións esgotadas, o novo campo do Milladoiro prepárase para vivir unha cita chamada a converterse nun referente do fútbol base galego. Unha primeira edición que nace coa ambición de consolidarse no calendario deportivo e que, antes incluso de celebrarse, xa pode presumir de éxito.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *