AD

Deportes

Martín Liste conquista a prata no Nacional e afronta con ilusión a cita de Tordoia

today25 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Un novo éxito para o halterófilo tordoiense, que competirá este sábado diante da súa afección.

O halterófilo de Tordoia Martín Liste volveu situarse entre os mellores deportistas do país ao proclamarse subcampión de España absoluto na categoría de 94 quilos durante o Campionato de España celebrado en A Nucía (Alacante). Un resultado que chega tras meses de preparación e que supón un importante impulso para un deportista que acumula xa cinco títulos nacionais, numerosos récords galegos e dezaoito anos de traxectoria deportiva.

En declaracións a Radio Líder Santiago, Liste recoñeceu que a competición foi especialmente esixente, tanto polo elevado nivel dos participantes como polas condicións nas que se desenvolveu.

«Foi unha competición moi dura, con moitos rivais. Éramos catro ou cinco coas mesmas marcas e non se decidiu nada ata o último momento. Ademais, competimos con 38 graos e moi pouca ventilación.»

O deportista explicou que a halterofilia olímpica combina dúas modalidades, arrancada e dous tempos, e que o título se decide pola suma dos mellores intentos en ambas. No seu caso, o terceiro posto na arrancada e o segundo nos dous tempos permitíronlle alcanzar a prata no total olímpico.

Máis aló da medalla, Martín Liste destacou o valor que ten este resultado despois de varias tempadas nas que non conseguira subir ao podio nacional.

«É un chute de motivación para ver que estamos facendo as cousas ben. O meu obxectivo é volver á selección española e competir de novo a nivel internacional.»

Liste lembrou tamén os seus inicios no deporte. Antes de dedicarse á halterofilia foi campión de España de lanzamento de disco en categorías inferiores e foi precisamente buscando mellorar a súa preparación física cando descubriu unha disciplina que acabaría converténdose na súa paixón.

Ao facer balance dunha carreira que supera xa os dezaoito anos, Martín Liste asegurou que o máis importante non son os títulos, senón todo o aprendido durante o camiño.
«O máis bonito non son as medallas. O máis importante é o camiño, a xente que coñeces e as persoas que te acompañan. Se só te centras no resultado, cando non sae, todo remata moi rápido.»

O deportista quixo agradecer tamén o apoio recibido da súa familia, da súa parella, do seu adestrador, dos patrocinadores e de todas as persoas que o acompañan no día a día, convencido de que os seus logros son tamén froito dese traballo colectivo.

Tordoia, escenario da mellor halterofilia galega

Tras o éxito conseguido no Campionato de España, Martín Liste será tamén un dos protagonistas da gran cita que acollerá Tordoia este sábado 27 de xuño, cando o pavillón municipal reúna aos mellores deportistas galegos coa disputa da Copa Galega, coincidindo ademais cunha xornada da Liga Nacional. A competición será de entrada libre e a súa quenda de participación está prevista para as sete da tarde.

Para Liste, levar este deporte ao seu concello ten un significado especial. «É un orgullo que Tordoia empece a coñecerse pola halterofilia. Competir na casa dá máis presión ca un Campionato de España, pero tamén moita máis ilusión porque pode acompañarme toda a xente.»

O deportista animou á veciñanza a asistir a unha competición que considera unha oportunidade única para coñecer de preto unha disciplina que habitualmente se desenvolve nas grandes cidades.

Masterclass abertas a todos os públicos

A programación continuará os días 29 de xuño e 1 de xullo, cando Martín Liste impartirá dúas masterclass de iniciación á halterofilia abertas a persoas de todas as idades e niveis. As sesións combinarán explicacións teóricas e prácticas sobre a técnica, os erros máis habituais e a forma de mellorar cada movemento, cun enfoque aplicable tamén ao adestramento en ximnasio. As persoas interesadas poden inscribirse a través do Concello de Tordoia.

A nivel deportivo, o tordoiense segue mirando ao futuro con ambición. O seu gran obxectivo pasa por volver vestir a camiseta da selección española nun Campionato do Mundo e continuar ampliando un palmarés que xa o sitúa entre os grandes nomes da halterofilia galega.

«Gustaríame chegar aos dez campionatos de España e quitarme a espiña de representar a España nun Mundial», concluiu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *