Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 junio, 2026
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, membros do equipo de Goberno e representantes da Asociación de Festas de San Roque presentaron esta mañá o cartel e o programa musical das Festas de San Roque, que se celebrarán do 14 ao 22 de agosto. As celebracións están organizadas pola Asociación de Festas de San Roque, co apoio do Concello de Melide e da Deputación da Coruña.
O programa musical contará con algunhas das orquestras máis recoñecidas de Galicia, como Panorama, París de Noia, Los Satélites, El Combo Dominicano, La Fórmula, Nuevo Tango, Tattoo, Grupo Bomba e Panorama City, ademais do concerto de 9Louro, a actuación do artista local Mellita, de Banda Grileira e doutras formacións musicais, charangas e outras propostas que levarán a música ás rúas da vila durante os días de celebración.
No acto presentouse o cartel e deuse a coñecer o programa musical das festas. As distintas actividades que completarán a programación anunciaranse nas próximas semanas.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, puxo en valor e agradeceu o traballo da Asociación de Festas de San Roque e asegurou que “organizar unhas celebracións destas características require moito esforzo, dedicación e compromiso”. Ao mesmo tempo, animou a visitar Melide durante os días do San Roque para “gozar dunha programación musical moi atractiva e vivir as festas connosco”.
Programación musical
A programación musical arrancará o venres 14 de agosto coa actuación da orquestra Panorama. O 15 de agosto, o concerto de 9Louro será un dos grandes atractivos da xornada, que contará tamén coa actuación do artista local Mellita, mentres que a charanga Leña Verde porá a música nas rúas da vila.
O 16 de agosto, a orquestra Tattoo protagonizará a verbena, nunha xornada na que participarán tamén Froito Novo e a Banda de Arzúa. Ao día seguinte, a verbena correrá a cargo da orquestra París de Noia, mentres que durante a xornada haberá música coa Banda de Visantoña e coa charanga BB+.
O 18 de agosto, o Grupo Bomba compartirá cartel coa orquestra Nuevo Tango. O 19 de agosto, a verbena estará protagonizada por Los Satélites, coa participación da Banda de Santa Cruz de Ribadulla e da charanga Los Támega ao longo do día.
A orquestra La Fórmula actuará o 20 de agosto, xunto coa charanga Ardores. Xa na recta final das festas, o 21 de agosto, El Combo Dominicano será un dos reclamos musicais, nunha xornada que contará tamén con Banda Grileira, Herba Grileira e a charanga Eravisto. A programación musical pecharase o sábado 22 de agosto coa actuación da orquestra Panorama City.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)