Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 junio, 2026
A Plataforma Veciñal Santa Marta Segura celebrou este xoves unha concentración na praza de Pascual Veiga baixo o lema «Nin unha morte máis», unha mobilización coa que quixo volver denunciar a situación que vive o barrio e reclamar unha actuación inmediata das administracións fronte ás sobredoses, a inseguridade e o tráfico de drogas.
O acto contou coa participación de representantes de diversas asociacións veciñais de Santiago, ademais de veciños e veciñas. O manifesto foi lido polo presidente da plataforma, José Manuel López, quen asegurou que a concentración nace da «rabia e da dor» tras un novo falecemento por sobredose rexistrado a pasada semana, que se suma aos ocorridos nos últimos meses na contorna.
Durante a súa intervención, López advertiu de que levan «máis dun ano e medio» alertando do incremento do tránsito constante de persoas que buscan droga, da presenza de acampadas en espazos públicos, da aparición de xiringas nos parques infantís e do aumento de roubos en garaxes, vehículos, negocios e vivendas, ademais de agresións e outros incidentes que, segundo denunciou, fan «cada día máis difícil vivir no barrio con normalidade e seguridade». «Non esiximos nada extraordinario, só que se aplique a lei. Cantas mortes máis teñen que producirse para que se actúe e se pechen estes puntos?», pronunciou.
A plataforma reclamou ao Concello de Santiago que «se poña do lado do barrio», que recoñeza a gravidade da situación e que impulse as accións necesarias para rematar cos puntos de venda de droga que, segundo sostén, levan máis de trinta anos funcionando na zona. Tamén pediu unha maior contundencia contra os narcotraficantes e insistiu en que se aplique a lexislación para poñer fin a esta problemática.
Ademais das medidas de seguridade, Santa Marta Segura reclamou un reforzo dos recursos destinados ás persoas con drogodependencias, solicitando máis puntos de acollida onde poidan durmir, recibir atención e avanzar na súa recuperación e reintegración social. «Pedimos o peche dos puntos de venda de droga en Santa Marta e no resto da cidade», sinalou José Manuel López, quen tamén reclamou unha maior implicación institucional para afrontar esta realidade.
O presidente da plataforma agradeceu o apoio recibido por parte do movemento veciñal compostelán, dos medios de comunicación, dos grupos municipais e das forzas e corpos de seguridade insistindo en que a mobilización busca que «non haxa nin unha morte máis» relacionada coas drogas no barrio.
Escrito por Líder Redacción
Barrio Santa Marta Plataforma Santa Marta Segura santa marta segura



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)