Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 junio, 2026
Ames, 26 de xuño de 2026.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade o Plan Municipal de Emerxencia ante situacións de seca; a aprobación inicial da ordenanza reguladora do estacionamento e pernoita de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas; e a aprobación do proxecto de mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. Ademais, aprobouse de xeito inicial a modificación da ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos; e dúas mocións presentadas polos grupos políticos municipais do Partido Popular e BNG. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.
O pleno ordinario de xuño comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 450 decretos, do 1536 ao 1985. Neste apartado tamén se deu conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de maio e xuño. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a acta da sesión ordinaria do mes de maio celebrada o 28 de maio de 2026.
A continuación, aprobouse por unanimidade a aprobación inicial da ordenanza reguladora do estacionamento e pernoita de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas. O Concello de Ames mediante esta ordenanza establece, no exercicio das súas competencias, a regulación e ordenación de todos os aspectos relativos a esta actividade nas vías públicas municipais e nos espazos públicos do municipio.
O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, explicou que “nos últimos anos o denominado turismo de itinerancia, a través de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas, acadou un importante incremento. Ademais, Ames ten unha situación estratéxica que favorece este tipo de turismo ao estar preto de Santiago de Compostela, dos Camiños Santiago e zonas costeira, así como polo patrimonio e riqueza cultural que temos no noso concello. Dispoñemos de dúas áreas de autocaravanas, unha no Milladoiro e outra en Bertamiráns, polo que necesitamos unha norma básica que permita conciliar o uso destas áreas e mailos intereses da veciñanza”.
Servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos
De seguido abordouse a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, mentres que a concelleira de Espazo Común votou en contra. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular e BNG abstivéronse.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “no pasado pleno de decembro aprobouse de xeito definitivo a taxa do lixo que tiña varias variables. Na recollida doméstica aprobamos unha cota fixa de recollida continua en 75,79 euros e unha cota de recollida alterna de 37,90 euros. A isto había que incluírlle unha cota variable por habitante de cada vivenda de 21,36 euros. Tamén aprobamos unha cota fixa mínima para os negocios de 272,91 euros e unha cota variable que ía cambiar dependendo dos metros cadrados de cada negocio e de canto contaminaba cada negocio. Nesta ordenanza tamén se aprobaron varias bonificacións: 15% por utilización de punto limpo, 15% por compostaxe, 50% por exclusión social, e 15% para empresas alimentarias con acordos con entidades de economía social”.
De seguido, Gustavo Nieto explicou que “agora hai que facer varias modificacións. A primeira dividir este recibo único en dous prazos, o primeiro cunha cota fixa no primeiro semestre, e un segundo no segundo semestre coa cota variable. Aparte diso poder dividir estes dous recibos en tres prazos (o primeiro recibo en tres prazos e o segundo recibo en outros tres prazos). Ademais, haberá cambios nas cotas das bonificacións, xa que se clarifica o momento exacto no que as bonificacións van a xurdir efecto. Estas modificacións realízanse debido á imposibilidade do Concello de executar o cruce de datos do padrón coas referencias catastrais, por iso estase inmerso na licitación dun novo programa e cun traballo de campo nos comercios do concello”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “esta modificación é a constatación dun fracaso máis en canto á planificación deste goberno, xa que esta ordenanza ten menos de seis meses e xa é necesario modificala porque o propio Concello non é capaz de aplicala”. Por parte do BNG, o concelleiro Carlos García, destacou que “dende o BNG xa se solicitou que se puidera fraccionar o pago, pero dixeron que por motivos de xestión era mellor facer un único pago. Agora, que son vostedes incapaces de xestionar dita ordenanza, si se pode fraccionar. Loxicamente non estamos de acordo con esta ordenanza”. O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, explicou que “unha vez aprobada dita ordenanza atópanse por parte dos servizos técnicos municipais unha serie de problemas para executala. É certo que hai padróns que non están actualizados e iso impide que se poida cobrar a taxa de xeito acorde aos prazos que estaban previstos. Con estas modificacións non se varía o feito impoñible da taxa, o que se fai é aplicar unha norma de xestión distinta”.
Plan Camiños Rurais 2026-2027
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o proxecto de mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. A Consellería do Medio Rural aprobou as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas correspondentes a convocatoria para o período 2026, das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026 e 2027.
O importe máximo da subvención que lle corresponde ao Concello de Ames ascende a 54.446 euros sen IVE. O devandito plan non financia a parte correspondente ao IVE (o cal debe ser financiado polo Concello). A través do Plan Camiños Rurais 2026-2027 vaise acometer a mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. O orzamento base de licitación ascende a contía de 65.879,66 euros, dos cales o Concello ten que sufragar 11.433,66 euros, que a parte correspondente ao IVE.
Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a aprobación definitiva do Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer este tema: “este plan é un instrumento de planificación que ten como finalidade anticiparse aos episodios de seca e garantir, na medida do posible, o abastecemento de auga á poboación. Non se trata dun documento para actuar só cando existe unha situación crítica. A súa utilidade principal é ordenar a información do sistema municipal de abastecemento, coñecer mellor os recursos dispoñibles, identificar posibles puntos vulnerables e establecer con antelación que medidas deben aplicarse en cada escenario. O documento establece distintos escenarios de actuación: normalidade, pre-alerta, alerta e emerxencia. O plan garante sempre o abastecemento humano e a protección da saúde pública”.
Sobre este punto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “a aprobación deste plan é unha obriga legal en concellos de máis de 20.000 habitantes. Trátase dun plan que serve para prever actuacións en caso de seca, identificar recursos dispoñibles, establecer niveis de alerta, definir medidas de aforro, posibles restricións, e actuacións para garantir o abastecemento de auga á poboación”. A voceira do BNG, Escarlata Pampín, destacou que “contar cun plan municipal de emerxencias ante situacións de seca é unha obriga e unha necesidade nun contexto de cambio climático. Aínda así o que está claro é que o sistema de abastecemento de Ames ten importantes debilidades; demanda elevada e seguimos dependendo de recursos externos”. O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, explicou que “preto de 1.800 usuarios/as non teñen acceso a auga corrente, por iso dende o Partido Popular solicitamos que se acometa o abastecemento e saneamento nas parroquias de Tapia e Piñeiro que non dispoñen destes servizos”.
Pechou o debate deste punto o alcalde, Blas García, que destacou que “a rede municipal ten moitos anos de antigüidade e non se fixo pensando nun Ames con 30.000 habitantes. Agora custa moito adaptar o ciclo integral da auga á situación actual. É certo que hai preto de 2.000 veciños e veciñas do noso concello que non dispoñen de abastecemento de auga e noutras dúas parroquias tampouco dispoñen de saneamento, para iso estarmos traballando, para que estes veciños e veciñas poidan dispor destes servizos. Dotar de saneamento a ditas parroquia ten un custo de 1.700.000 euros, e o custo para dotar de abastecemento ás parroquia que non o teñen é de arredor de 4 millóns de euros. O que se está facendo é un plan director a longo prazo, pensando no Ames de agora e dentro de 20 ou 30 anos”.
Apartado de mocións
Neste apartado debatéronse dúas mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal do BNG, abordou a mellora da mobilidade, accesibilidade e seguridade no parque empresarial Novo Milladoiro. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do BNG, Partido Popular e Espazo Común. Os membros do Goberno municipal votaron en contra.
Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, solicítase iniciar os trámites para a licitación dun contrato ponte específico e temporal para a xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira, garantindo a continuidade deste servizo público. Esta moción tamén foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Os membros do Goberno municipal votaron en contra.
Pregunta das traballadoras da empresa A Billarda
Xa fóra da orde do día do pleno, a representación do Comité de Empresa da Billarda (empresa adxudicataria do servizo de monitores/as dos comedores escolares) formulou unha pregunta ao Goberno municipal sobre as deficiencias que presentan as instalacións e as temperaturas superiores aos 30°C dos comedores escolares do CEP de Ventín, da EEI do Milladoiro e das escolas unitarias da Igrexa e Covas, reclamando medidas urxentes e a mellora da climatización.
Dende o Goberno municipal, a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, explicou que se contratou a unha empresa homologada por Industria, para facer medicións precisas de humidade e temperatura en cada centro, que indican que só a temperatura da EEI do Milladoiro supera o límite recomendado. Debido a iso solicitáronse presupostos para climatizar o comedor da EEI do Milladoiro e encargouse un proxecto para enviar un expediente a Xunta para que permita realizar as obras necesaria, xa que dito edificio é propiedade da Xunta e é necesario dispor da súa autorización. Tamén se mantivo unha xuntanza cunha representante da ANPA da EEI do Milladoiro.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)