AD

Comarca

Arzúa honra a Xulio Vázquez Carril e dá o seu nome á Casa da Cultura

today28 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Arzúa rendeu este sábado unha homenaxe a Xulio Vázquez Carril, coñecido como «O Gaiteiro de San Miguel», nun acto institucional no que a Casa da Cultura pasou a denominarse oficialmente Casa da Cultura Xulio Vázquez Carril, en recoñecemento á súa contribución á música tradicional galega e á conservación da cultura popular.

A xornada reuniu familiares, representantes municipais, integrantes do movemento da música tradicional e numerosos veciños e veciñas que quixeron participar nun recoñecemento a unha das figuras máis destacadas do patrimonio cultural arzuán.

O acto, conducido polo concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, comezou coa proxección dun vídeo que repasou, a través de imaxes, a vida e a traxectoria do gaiteiro, desde os seus inicios ata a súa recuperación da actividade musical tras a xubilación.

Na súa intervención, o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou a importancia de preservar a memoria das persoas que dedicaron a súa vida á transmisión da música tradicional e da cultura popular galega. Salientou, ademais, a pegada que Xulio Vázquez Carril deixou tanto en Arzúa como no conxunto de Galicia.

A familia do homenaxeado compartiu tamén unhas palabras de lembranza, ofrecendo unha visión máis persoal da súa figura e do seu compromiso coa música.

Outro dos momentos destacados chegou coa intervención de Carlos Rodríguez Osorio, compañeiro de Xulio no grupo Os Gaiteiros de San Miguel, quen evocou a relación persoal e musical que mantiveron desde que, no ano 2003, impulsaron xunto a Manuel Noia e Xosé Tuñas o regreso do gaiteiro ás foliadas.

A parte musical correu a cargo das agrupacións Fol da Chousa Vella (Santiso), Santiaguiños (Boimorto) e Fiadeira (Melide), que interpretaron a Marcha do Antigo Reino de Galicia, convertendo a música tradicional no fío condutor dunha homenaxe cargada de simbolismo.

O acto concluíu coa interpretación do Himno Galego e coa descuberta dunha placa conmemorativa, elaborada por Sargadelos, que certifica a nova denominación da Casa da Cultura.

Un referente da tradición oral
Natural da parroquia de Maroxo, Xulio Vázquez Carril iniciou a súa aprendizaxe da gaita sendo moi novo, aprendendo de oído e practicando primeiro con pallas de centeo. A súa primeira gaita foi un agasallo do seu curmán Basilio Carril, un dos grandes artesáns e gaiteiros galegos do século XX.

Despois de permanecer afastado da música durante décadas, recuperou a súa paixón coa chegada da xubilación, converténdose nun referente das foliadas e nun dos principais transmisores do toque «ao pechado», unha forma de interpretar propia da zona que espertou o interese de músicos e investigadores de toda Galicia.

Coa dedicación do principal espazo cultural do municipio ao seu nome, Arzúa perpetúa a memoria dun músico que fixo da tradición oral, da gaita e da transmisión do coñecemento un legado que continúa vivo nas novas xeracións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *