Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou hoxe ao Goberno de Goretti Sanmartín que deixe de atrasar a posta en marcha do Foro de Turismo Sustentable e garanta a transparencia na xestión dos fondos da recarga turística. Os socialistas consideran inaceptable que, coa normativa xa en vigor e preto de tres millóns de euros previstos nos orzamentos, o executivo siga sen convocar o órgano chamado a decidir o destino destes recursos.
Guinarte lembrou que «o regulamento xa entrou en vigor e xa non hai escusas» para convocar este órgano de participación. Ao seu xuízo, o Foro de Turismo Sustentable debe ser «o espazo no que se decida con transparencia o destino dos fondos da recarga turística», contando coa participación dos sectores implicados.
O voceiro socialista advertiu de que nos orzamentos municipais deste ano figuran arredor de tres millóns de euros vinculados á recarga turística e reclamou que o Goberno local informe tamén «da cantidade liquidada no ano 2025 e do destino que se lle deu a eses fondos». Para Guinarte, a cidadanía debe coñecer con claridade como se están a empregar uns recursos que teñen como finalidade mellorar a sustentabilidade e a competitividade turística da cidade.
O portavoz socialista alertou ademais da evolución negativa dos indicadores turísticos. «Os datos non son bos», sinalou, lembrando que Santiago perdeu preto de 100.000 pernoctacións nos cinco primeiros meses do ano e que a ocupación hoteleira caeu case dez puntos respecto ao mesmo período de 2025. «Temos que actuar xa para recuperar turismo de calidade, alongar estadías e preparar con rigor o Xacobeo 2027», afirmou.
Guinarte mostrou tamén a súa preocupación porque o Goberno municipal «xa anunciase posibles destinos destes fondos» cando algunhas desas actuacións xa estaban previstas con outras fontes de financiamento ou mesmo serían asumidas polo Consorcio de Santiago, como acontece coa restauración do Arco de Mazarelos.
«A recarga turística non pode servir para maquillar partidas nin para substituír outras vías de financiamento», advertiu o voceiro socialista. «Ten que empregarse con planificación, participación e transparencia», concluíu, reclamando ao Goberno de Goretti Sanmartín que deixe de atrasar a posta en marcha dun órgano chamado a decidir unha cuestión estratéxica para o futuro turístico de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
denuncia Foro de Turismo Sustentable politica PSgG-PSOE Santiago de Compostela turismo



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)