AD

Actualidad

Santiago abre o prazo de solicitude das bolsas de comedor escolar, material e extraescolares

today30 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O prazo para solicitar as bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares estará aberto desde mañá 1 de xullo ata o 14 de xullo, unha vez publicada hoxe a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O Concello de Santiago destina a estas axudas 1.150.000 euros, 50.000 euros máis que no curso pasado.

Tal e como explica a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, “o oxbectivo é seguir reforzando unhas bolsas que son unha das principais ferramentas das que dispoñemos para facilitar a igualdade de oportunidades e a conciliación das familias de Santiago”.

A convocatoria inclúe tres modalidades de axuda: as bolsas por escaseza de recursos, que poden ser de comedor ou para a realización de actividades extraescolares e ás que poden acceder os nenos e nenas de familias que non superen a renda per cápita do 100% do IPREM anual; as bolsas para a adquisición de material escolar; e as bolsas de comedor por razóns de conciliación.

As bolsas de comedor escolar por escaseza de recursos terán unha contía de 100 euros mensuais, salvo no caso do alumnado dos centros de educación escolar, que poderán recibir ata 180 euros mensuais. Para a realización de actividades escolares abonaranse axudas de 35 euros mensuais por menor e, ao contrario do que acontecía en anteriores convocatorias, esa contía será con independencia do número de actividades realizadas e as horas de asistencia ás mesmas.

En canto ás bolsas para a adquisición de material escolar serán de ata un máximo de 100 euros mensuais; e as bolsas de comedor por razóns de conciliación quedan fixadas en 45 euros mensuais. Nestes dous casos, elevouse o umbral de renda con respecto a anteriores convocatorias, e poderán acceder ás axudas os nenos e nenas de familias que non superen a renda máxima familiar anual de 5,5 veces o IPREM.

Pago anticipado

A principal novidade da convocatoria deste ano das Bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares é a introdución do pago anticipado para as axudas de comedor e actividades extraescolares”. O obxectivo desta medida é garantirlle liquidez ás entidades colaboradoras que xestionan directamente o comedor ou as actividades extraescolares, sexan os centros ou as ANPAS, e evitar que teñan que adiantar fondos propios para sufragar os gastos deses servizos. Tal e como sinalan as bases haberá dous pagos anticipados, previos á xustificación do gasto: en setembro abonaranse as cantidades correspondentes ao periodo de setembro a decembro; e en xaneiro pagaranse as bolsas de xaneiro a abril. As mensualidades de maio a xuño pagaranse unha vez presentada e aprobada a correspondente certificación do gasto, co obxectivo de regularizar o global do curso escolar, de maneira que o importe deste pago podería reducirse se existen diferenzas acumuladas coas axudas abonadas de maneira anticipada.

Prazo extraordinario de solicitude

Por primeira vez, a convocatoria introduce a posibilidade de as familias con menores que se matriculen nun centro escolar de Santiago unha vez iniciado o curso escolar soliciten as bolsas fora do prazo inicialmente establecido de dez días a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Nestes casos, a solicitude deberase presentar no prazo de 10 días hábiles contados dende a data de formalización da matrícula no centro docente. O obxectivo é darlle resposta a unha realidade cada vez máis frecuente, que é a da incorporación tardía de alumnado, na súa maioría de familias inmigrantes.

No curso 2025/2026, as bolsas de comedor escolar, actividades e material escolar chegaron a case 2.000 nenos e nenas de Santiago. En concreto, concedéronse 793 bolsas de comedor por escaseza de recursos, 601 para actividades extraescolares, 272 para a adquisición de material escolar, e 272 axudas para o comedor escolar na modalidade de conciliación.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *