Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 junio, 2026
O Pino. 30-6-2026.- O Concello do Pino mantén a súa aposta pola arte urbana para decorar espazos públicos e convoca o segundo Concurso de Murais coincidindo coa celebración da Festa do Galo Piñeiro os días 1 e 2 de agosto. A este certame, dotado cun premio de 2.000 euros, ademais da pintura necesaria, poderán presentarse persoas maiores de 16 anos residentes en España que acrediten experiencia no pintado de graffitis.
O obxectivo deste concurso é visibilizar, a través das técnicas do graffiti e mediante a creación dun mural urbano, as características que rodean ao Concello do Pino. Ao igual que na primeira edición, as persoas participantes este ano deberán presentar propostas relacionadas co Pino como última etapa do Camiño Francés ou coa Festa do Galo Piñeiro, declarada de Interese Turístico de Galicia.
Os artistas que queiran participar neste II Concurso de Murais do Concello do Pino, unha vez que saia publicado no Boletín Oficial da Provincia o extracto da convocatoria, terán un prazo de dez días hábiles para remitir as súas propostas ao Concello, xunto con fotografías de traballos que xa fixeran previamente para acreditar a súa técnica e cualificación.
Un xurado formado por cinco persoas será o encargado de elixir a persoa gañadora do certame, que deberá rematar o seu traballo antes do 31 de xullo de 2026, se ben esta data ten carácter estimativo e poderá ser modificada por acordo entre o Concello e o artista.
O graffiti deberá pintarse no muro situado no lateral exterior das instalacións do colexio público integrado Camiño de Santiago, na rúa do Peregrino, un espazo de elevada visibilidade e tránsito peonil e rodado, ao carón dunha beirarrúa pavimentada que da acceso ao centro de saúde e á casa da cultura, fronte a unha área de estacionamento público. Trátase dunha parede de 2,50 metros de alto por uns 33 metros de longo.
As obras terán que ser orixinais do artista e inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. O Concello do Pino entregaralle un premio en metálico de 2.000 euros á persoa gañadora desta segunda edición, e asumirá tamén os gastos da pintura (ata un máximo de 1.000 euros) ademais de facilitar os sistemas necesarios (escadas) para acceder á área onde plasmar a obra.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)