Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera comezan desde hoxe a transformar distintos espazos da vila nunha nova edición do festival de arte pública.
Rianxo, 1 de xullo de 2026.- Comeza unha nova edición de Viladomar, máis alá dos muros. Ata o 11 de xullo, Rianxo volverá acoller novas intervencións murais e unha programación que converterá a vila nun punto de encontro entre arte pública, creación contemporánea e participación.
Impulsado pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, Viladomar incorpora este ano ao seu museo ao aire libre tres novas obras da man de Lula Goce, Agustina Shuan e Alejandro Mosquera.
Lula Goce realizará a súa intervención na Martela (Rúa Gudiños); Agustina Shuan pintará un novo mural en Atalaia Asados; e Alejandro Mosquera intervirá na Aldea de Buhía, ampliando así o percorrido artístico que o festival leva construíndo desde hai sete edicións.
A identidade desta edición inspírase nun petróglifo da contorna de Rianxo e propón unha reflexión arredor dos símbolos e das pegadas que permanecen no tempo, establecendo un diálogo entre as primeiras formas de representación e a creación artística contemporánea.
O alcalde de Rianxo, Xulián Bustelo, destaca que «despois de todo este camiño iniciado no 2018, os murais xa forman parte da paisaxe e do patrimonio rianxeiro. Con cada nova edición o catálogo destas espectaculares obras vese aumentado e, con el, tamén a importancia de Rianxo no muralismo galego. Cómpre destacar o orgullo da veciñanza polo proxecto e a implicación cada vez maior da comunidade local. O muralismo xa é parte de Rianxo», engade.
Máis alá dos murais
Ao longo destes días, veciñanza e visitantes poderán seguir de preto o proceso de creación dos murais e descubrir como as obras van tomando forma ata integrarse no museo ao aire libre de Viladomar.
Entre as novidades desta edición destaca tamén a realización dun mural colaborativo xunto á asociación As Púrpuras, unha proposta que se desenvolverá ao longo do festival e que reforza a aposta de Viladomar pola creación compartida e a participación da comunidade.
A programación completarase cunha masterclass impartida por Camilo Seira, na que o artista amosará o proceso de creación dun mural elaborado con musgo, así como cunha xornada especial de peche o 11 de xullo, organizada en colaboración con Rock in Rian. Ao longo dese día celebraranse dous roteiros teatralizados polos murais de Rianxo, un percorrido en barco pola ría e unha programación musical que despedirá esta sétima edición do festival.
Toda a información sobre horarios, actividades e localizacións poderá consultarse a través das redes sociais de Viladomar.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)