AD

Actualidad

O TSXG confirma a legalidade da regulación municipal das vivendas turísticas en Santiago

today6 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago deu conta este luns en Xunta de Goberno da sentenza favorable no procedemento contenciosos sobre a aprobación definitiva da modificación do título III do PXOM para a regulación de usos, entre eles, as vivendas de uso turístico. Este procedemento fora promovido pola Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia (Aviturga).

Míriam Louzao lembrou que a entidade recorrente fundamentaba o seu recurso na falta de informes da Dirección Xeral de Aviación Civil e da Delegación do Goberno, así como na ausencia de motivación para definir a actividade de vivenda de uso turístico como actividade de hospedaxe, considerándoa unha intromisión en competencias autonómicas. “A sala rexeitou todos estes fundamentos resolvendo que os informes non eran preceptivos porque a modificación do PXOM non alterou as determinacións do plan vixente en materia aeronáutica nin se aclarou en que podería afectar a falta de informe da Delegación do Goberno”, explicou a voceira municipal, e engadiu que a Xustiza concluíu tamén que a correspondencia das vivendas de uso turístico ao uso de hospedaxe é adecuada e está de acordo coa normativa.

Rematado o prazo para un posible recurso de casación, esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) foi declarada firme mediante un decreto con data do 25 de xuño.

Adxudicación do servizo de bibliotecas dos CSC

No relativo á contratación, aprobouse a adxudicación do servizo de bibliotecas da rede de centros socioculturais: lote II da licitación que se convocou para atender as diferentes prestacións dos centros. O custo anual deste contrato, que se adxudicou para dous anos é de 302.310,47 euros.

A empresa adxudicataria é Atlantic Ponte SL, cunha oferta económica de 604.620,93 € (IVE incluído) que presenta as seguintes melloras como a ampliación da bolsa de horas en 500 horas, o investimento de 6.000 euros no sistema informático das bibliotecas, un gasto de 6.000 euros en últimas novidades de libros e a realización de oito actividades formativas anuais de máis de 15 horas dirixidas ao persoal que se adscribe ao contrato.

Licenzas e subvención

Na Xunta de Goberno de hoxe outorgáronse cinco licenzas, entre cales destaca a autorización para renovar a iluminación ornamental do conxunto parroquial de Santa María de Conxo, solicitada polo Arcebispado e que se executará cunha subvención do Consorcio.

Esta obra, cun orzamento de execución material de 216.607, 09 mudará a instalación eléctrica e a iluminación das naves da igrexa, das capelas laterais, do retablo maior e dos espazos do coro e do baixo coro, incluíndo a capela do Cristo cos seus retablos. Os obxectivos que propón o proxecto son a iluminación equilibrada do conxunto e tamén a adecuada para o uso litúrxico, ademais do realce dos elementos destacados.

O Conxunto do Mosteiro de Conxo está declarado Ben de Interese Turístico (BIC) e atópase tamén no ámbito de protección do Camiño de Santiago, dentro do tramo portugués, polo que antes da concesión desta licenza, o proxecto someteuse a informe da Dirección Xeral de Patrimonio.

Tamén se concedeu licenza para a remodelación dunha vivenda unifamiliar na rúa de Ourense, 10; o acondicionamento da planta baixa e dun anexo do edificio situado na rúa de San Lourenzo, 47; e a reforma da fachada posterior do edificio situado no número 5 da rúa das Hortas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou solicitar unha subvención para o financiamento dos gastos de persoal do Centro de Información ás Mulleres (CIM), ao abeiro do programa de apoio aos centros de información á muller que convoca a Xunta de Galicia. Solicítanse 134.000,00 € (89.333,33 € para o exercicio 2026 e 44.666,67 € para o exercicio 2027).

Na mesma sesión, o goberno local aprobou o procedemento administrativo para solicitar praza nos servizos de madrugadores e de comedor durante o curso 2026-2027 na rede municipal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *