Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 julio, 2026
O Concello de Ames prepárase para un verán marcado polas altas temperaturas, o risco de incendios forestais e unha situación hídrica que xa esperta preocupación no goberno local. O alcalde, Blas García, advertiu en Radio Líder Santiago de que o nivel da auga no río Tambre se atopa en valores pouco habituais para esta época do ano e reclamou anticiparse a un escenario que podería complicarse durante agosto e setembro.
«Estamos nun momento complicado e temos que empezar a tomar medidas agora mesmo», alertou o rexedor, sorprendido pola situación observada recentemente en Ponte Maceira. «Asusteime cando vin o caudal e o nivel do río. Estamos en niveis do mes de agosto doutros anos», explicou.
As medicións realizadas na captación municipal do Tambre confirman, segundo García, a delicada evolución das reservas. «Temos unha das captacións coa lámina de auga cinco centímetros por arriba. Iso pásanos en agosto e pasounos en momentos de moita seca», sinalou.
O alcalde considera que o cambio climático está detrás de episodios cada vez máis extremos. «Aquelas persoas que queiran negar o cambio climático non viven a realidade», afirmou, tras lembrar as altas temperaturas rexistradas durante as últimas semanas, con xornadas próximas aos 40 graos.
García recoñece que para unha parte da cidadanía pode resultar difícil comprender a actual preocupación pola falta de auga despois dun inverno e dunha primavera con abundantes precipitacións. «Tivemos 50 días nos que estivo chovendo constantemente e agora temos falta de auga, pero a realidade é esa», insistiu.
O Concello conta cun plan de seca que establece como actuar ante posibles problemas de abastecemento, especialmente nas parroquias que non dispoñen de rede municipal e dependen de captacións propias. «Se isto segue así, en setembro imos ter moitas dificultades», advertiu.
A prevención dos lumes forestais é outra das prioridades do Concello de Ames. O goberno local dispón dun protocolo no que están definidas as funcións dos diferentes departamentos, servizos municipais e empresas que poderían ser mobilizadas ante unha emerxencia.
Policía Local e Protección Civil serían os primeiros en desprazarse ao lugar do incendio e os encargados de activar os medios necesarios. O dispositivo contempla tamén a participación de Augas de Ames, maquinaria de obra, servizos de limpeza viaria e un camión cisterna con capacidade para 10.000 litros que podería actuar como nodriza para as motobombas.
O protocolo inclúe igualmente empresas de telecomunicacións e compañías de autobuses ante a posibilidade de realizar evacuacións. Os pavillóns municipais poderían habilitarse para acoller veciños de parroquias ou aldeas afectadas.
«Temos todo protocolizado: como actuar, a quen avisar e os teléfonos de todo o mundo», explicou García.
O rexedor destacou que Ames non sufriu incendios graves nos últimos anos, aínda que evitou caer no exceso de confianza. «Toco madeira. Tivemos moita sorte, pero pode pasar en calquera momento porque, co cambio climático e tal como está o monte, pode ocorrer».
Blas García reivindicou especialmente o plan de prevención de incendios que Ames desenvolve desde hai oito anos nos núcleos rurais con maior risco.
O Concello identifica as zonas máis vulnerables a partir do historial de incendios e establece prioridades de actuación. Posteriormente traballa nas franxas de protección de 50 metros arredor dos núcleos.
A colaboración cos propietarios resulta fundamental. Nas parcelas con piñeiros ou acacias, os donos poden realizar directamente as cortas ou autorizar ao Concello para actuar. Posteriormente plántanse especies consideradas máis resistentes á propagación do lume.
«Plantamos especies que frean o lume: carballo, castiñeiro e cerdeira», explicou García.
O programa funciona cun sistema de financiamento no que Concello e propietarios colaboran e busca tamén que as novas plantacións poidan xerar rendemento económico no futuro a través da froita ou da madeira.
«Levamos plantadas máis de 6.000 especies arbóreas nestes oito anos», destacou.
O alcalde asegurou que os resultados avalan o programa e lembrou que foi recoñecido pola Unión Europea como unha boa práctica na prevención de incendios forestais. A iniciativa chegou tamén a espertar o interese de alcaldes portugueses despois dos graves lumes rexistrados no país veciño.
O Concello trasladou información sobre o proxecto tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central coa intención de que poida servir de referencia para experiencias similares.
Máis alá das emerxencias e da prevención, Blas García puxo o foco nun dos principais proxectos do mandato: o novo complexo deportivo do Milladoiro.
O alcalde avanzou que a licitación da infraestrutura será un dos asuntos máis importantes que o goberno local levará ao pleno. Trátase dun proxecto que supera os dez millóns de euros e que pretende responder a unha «necesidade histórica» do núcleo máis poboado do municipio.
«Creo que definitivamente vai ir a pleno a aprobación da licitación do complexo deportivo do Milladoiro», afirmou.
A instalación contará cunha piscina de competición de 25 metros, un ximnasio moderno e un aparcadoiro soterrado con máis de 90 prazas.
«É unha infraestrutura moi importante para O Milladoiro», defendeu García.
O modelo previsto pasa por unha concesión de 35 anos á empresa adxudicataria, que asumirá a xestión do espazo. Segundo explicou o alcalde, esta fórmula permitirá ao Concello dispoñer dunha nova infraestrutura sen ter que asumir posteriormente o custo ordinario da súa explotación.
O Concello reservará tamén a posibilidade de utilizar as instalacións durante determinadas semanas do ano para organizar competicións deportivas ou facilitar o seu uso aos clubs.
O proxecto inclúe ademais unha orientación vinculada ao Camiño de Santiago. O ximnasio poderá ofrecer servizos por horas a peregrinos que pasen polo municipio.
García enmarcou o complexo deportivo na transformación que o goberno municipal quere impulsar no Milladoiro.
«Nós queremos un Milladoiro moderno, un Milladoiro que mira con forza ao futuro e un Milladoiro no que á xente lle guste vir vivir e queira vivir», afirmou.
A programación cultural do verán foi outro dos asuntos abordados polo alcalde. As festas volverán contar cun calendario amplo tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, con cinco días de celebración en cada núcleo.
A oferta combinará as tradicionais verbenas con rock, música galega e propostas urbanas. O Concello manterá tamén a súa aposta polos artistas emerxentes.
García puxo como exemplo a evolución dalgúns dos mozos que participaron na primeira edición do festival de música emerxente. Dous deles, explicou, continúan avanzando nas súas carreiras fóra de Galicia.
«Sempre intentamos apostar polo local, porque temos moitísima variedade e cremos que os primeiros que debemos apostar polo noso somos o propio Concello», afirmou.
Os Seráns de Ames estarán protagonizados este ano exclusivamente por formacións locais. A programación incluirá grupos vinculados á Factoría, un espazo próximo ao Milladoiro utilizado por diferentes bandas para ensaiar.
«Non sempre apostamos polo noso tendo posibilidades», reflexionou o alcalde, quen defendeu que as administracións locais deben ofrecer escenarios aos novos artistas.
Blas García referiuse tamén á situación da comunidade venezolana residente en Ames e á resposta municipal ante a grave crise humanitaria abordada durante a entrevista.
O rexedor explicou que desde o primeiro momento o Concello intentou acompañar aos veciños con familiares afectados e facilitar información a aquelas persoas que non conseguían contactar cos seus achegados.
«É algo que me preocupa moito», recoñeceu García.
O Concello traballa coa asociación de venezolanos de Ames e puxo á súa disposición espazos municipais para almacenar material. A prioridade será a recollida de produtos sanitarios e de primeira necesidade en función das demandas trasladadas polas entidades que traballan sobre o terreo.
García pediu prudencia ante as campañas espontáneas de recollida de produtos. «Dáme moitísimo medo que se recollan distintos materiais sen saber exactamente cales son as necesidades», advertiu.
O alcalde considera que un dos principais problemas será a loxística necesaria para facer chegar a axuda. «O gran problema vai ser o envío», sinalou.
Por este motivo, defendeu a coordinación co Goberno central, a Xunta e organizacións con experiencia humanitaria como Cáritas ou Cruz Vermella.
«O peor está por vir», advertiu García, convencido de que as consecuencias da catástrofe se prolongarán durante meses.
A entrevista deixou tamén unha reflexión política sobre a situación do PSdeG en Santiago de Compostela. Blas García, que xa expresara anteriormente a súa opinión sobre a crise interna dos socialistas composteláns, mantivo unha posición crítica.
«Eu creo que foi un erro o que se fixo en Santiago», afirmou.
O alcalde de Ames mostrou a súa preocupación pola división do espazo socialista e lembrou que antigos integrantes da formación concorrerán agora baixo outras siglas.
«Eu son dos que sempre di que a unión fai a forza e, neste caso, ir divididos non é bo», sinalou.
García evitou pronunciarse sobre quen debería gañar un eventual proceso interno entre os nomes situados no debate político compostelán, aínda que pediu aos militantes que decidan «con sentido».
Con todo, si deixou unha reflexión especialmente contundente sobre as responsabilidades pola crise vivida no partido en Santiago.
«Creo que o candidato debería ser a persoa que montou todo este follón en Santiago, porque unha vez que montou o follón debería dar a cara e asumir as súas responsabilidades», afirmou.
Para García, quen estaba á fronte da organización durante a crise debe agora responder politicamente.
«Foi o secretario xeral e foi o que permitiu que pasase todo isto baixo o seu mandato. Tiña que asumir agora as súas responsabilidades indo de número un no Partido Socialista en Santiago», concluiu.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)