Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 julio, 2026
Blas García indicou que “este centro creouse para atender a aquelas persoas que teñen dificultades para acceder ao emprego, persoas mozas e dunha idade entre os 45 e 50 anos, e tamén haberá un espazo dirixido á mocidade de Ames, para que poida xuntarse neste centro e para realizar distintas actividades. Ademais, vaise acondicionar toda a contorna unindo este espazo coas pistas de pádel e de skate”
A construción do Centro Multifuncional do Milladoiro está localizado na zona norte do Milladoiro “un espazo que alberga diferentes infraestruturas dirixidas á mocidade como é este edificio e que se une ao anfiteatro, e á área deportiva do Milladoiro”
Ames, 8 de xullo de 2026.- O alcalde, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, realizaron esta mañá unha visita ao Centro Multifuncional do Milladoiro, para comprobar o avance das obras de dita infraestrutura, que está previsto que estean finalizadas nun prazo aproximado dun mes. A visita foi guiada polo persoal técnico da empresa adxudicataria da actuación, Construcciones Iglesias Mera, e polo axente de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja. Está previsto que durante a segunda quincena de setembro se impartan os primeiros cursos de formación neste espazo. O remate do centro multifuncional do Milladoiro foi adxudicado, previa licitación, por un importe de 1.097.687 euros á empresa amesá Construcciones Iglesias Mera.
Esta actuación enmárcase dentro do plan Impulsa Ames e, desde o primeiro momento, foi considerada como un dos proxectos máis importantes da estratexia de desenvolvemento vinculada aos fondos europeos, debido ao seu carácter social e inclusivo, dirixido especialmente á mocidade e ás persoas en risco de exclusión social. “Para nós esta actuación era prioritaria e irrenunciable. Despois dunha mala experiencia coa anterior adxudicataria do contrato, é unha gran satisfacción ver como a obra avanza a bo ritmo”, explica Blas García.
Os traballos pendentes de execución, que se realizaron durante os últimos meses, incluíron o acondicionamento do terreo, a cimentación e construción de estruturas, os cerramentos e particións, os illamentos e impermeabilizacións, os revestimentos e falsos teitos, a pavimentación, alicatados e chapados, a carpintería de madeira e metálica, a cerrallaría, a instalación dun ascensor, as pinturas e tratamentos da madeira, así como a urbanización da zona.
O alcalde, Blas García, dixo que “o motivo da visita hoxe ao Centro Multifuncional do Milladoiro é para comprobar o avance das obras que van a bo ritmo despois de todos os problemas que tivemos coa anterior empresa. Esperamos que o próximo mes este rematada a obra. Despois comezaremos a meter dentro do edificio o mobiliario, e tralo verán, na segunda quincena de setembro, comezaremos a impartir os primeiros cursos de formación que temos previstos e programados. Quero recordar os problemas que tivemos coa anterior empresa e tamén destacar que finalmente resolvemos cunha empresa local de Ames e con materiais da contorna, co cal todos os problemas que había, ao final comprobouse que non era certo, pero imos a quedarnos coa parte positiva, que é que nunhas semanas este centro estará en funcionamento”.
Blas García tamén indicou que “este centro creouse para atender a aquelas persoas que teñen dificultades para acceder ao emprego, persoas mozas e dunha idade entre os 45 e 50 anos, e tamén haberá un espazo dirixido á mocidade de Ames, para que poida xuntarse neste centro e para realizar distintas actividades. Ademais, vaise acondicionar toda a contorna unindo este espazo coas pistas de pádel e de skate”.
Características do Centro Multifuncional do Milladoiro
Na planta baixa do centro atópase a entrada que conta cun espazo diáfano. A primeira planta estará dedicada ao desenvolvemento de actividades de formación e para a mocidade. Esta primeira planta dispón dun espazo de 100 metros cadrados, que se pode dividir en tres aulas ou dispor dun espazo aberto e único. En dito espazo a mocidade poderá xuntarse para facer traballos en grupo, e tamén arrancar diferentes proxectos que posteriormente poderían desenvolver no espazo colaborativo A Proa. Nesta primeira planta tamén se impartirán cursos formativos dirixidos á mocidade e a colectivos en risco de exclusión social.
Deste xeito, preténdese que o Centro Multifuncional do Milladoiro estea estreitamente vinculado co Centro de formación de Aldea Nova e co Espazo colaborativo A Proa, para a formación e emprendemento de distintos colectivos. Durante a visita destacouse a importancia de dispoñer deste espazo no Milladoiro, xa que hai 14.000 habitantes que non dispoñen dun espazo específico para actividades de formación. Na actualidade, esta poboación ten que desprazarse ao Centro de formación de Alde Nova coa dificultade que isto implica cos problemas de transporte que existen.
A segunda planta dispón dun espazo máis versátil e aberto no que se poderá interactuar libremente e tamén servirá de espazo para representar exposicións, actuacións musicais e culturais. Este cento tamén estará estreitamente vinculado co local de ensaio A Factoría. O espazo desta segunda planta representa o que quere ser este edificio: un espazo aberto e multifuncional.
Por último, na parte exterior haberá unha parte cuberta e outra descuberta. Contarase cun sistema de muros que salva a diferencia de cotas, cun aparcamento e zonas axardinadas. O edificio quedará integrado de forma contigua ás pistas de pádel e de skate.
Ordenación do Milladoiro
Segundo explicou o alcalde, Blas García, a construción do Centro Multifuncional do Milladoiro está localizado na zona norte do Milladoiro “un espazo que alberga diferentes infraestruturas dirixidas á mocidade como é este edificio e que se une ao anfiteatro, e á área deportiva do Milladoiro. Ademais, nesta zona está o S-16 Galdrachán, unha área que estamos traballando para empezar a urbanizar de forma conxunta cos propietarios/as das parcelas, porque neste sector están proxectadas arredor de 900 novas vivendas”.
“Nesta mesma zona están as cinco parcelas que lle cedemos á Xunta para construír vivenda pública e a sexta parcela está na rúa dos Agriños. Deste xeito, esta vai a ser unha zona moi importante do Milladoiro, tanto a nivel de vivenda coma de servizos porque se está construíndo o novo CEIP do Milladoiro, e o Concello dispón de dúas parcelas, que suman máis de 4.000 metros cadrados, onde se van poder executar novas infraestruturas”.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)