AD

Actualidad

Un campamento urbano de Santiago achega a radio e a comunicación á mocidade

today22 julio, 2026

Fondo
share close
AD

A comunicación converteuse este verán nunha das protagonistas do Campus Urbano que se desenvolve en Atrísca, en Santiago de Compostela. Da man do xornalista Carlos Roma, unha vintena de rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos están a descubrir como funciona unha emisora de radio, como se prepara un programa ou cales son as claves da publicidade, nun proxecto promovido por Xera Escola de Tempo Libre co patrocinio da Concellería de Xuventude do Concello de Santiago.

Roma explicou durante a súa intervención en Radio Líder Santiago que o obxectivo do obradoiro é achegar aos máis novos ás novas formas de comunicación, aproveitando o rexurdimento do formato sonoro. “Neste tempo en que o audio está a volver a eles, a través dos podcast, ensinarlles a base do que é a comunicación”, sinalou. Ao longo de quince días, os participantes crean un auténtico magazine radiofónico no que aprenden a realizar entrevistas, enquisas, locucións e pezas sonoras empregando como principal ferramenta un teléfono móbil.

O comunicador insistiu en que a aprendizaxe non é unidireccional. Lonxe de limitarse a transmitir coñecementos, destacou o valor das experiencias que achegan os propios participantes. “Ti non tes que ir cara eles con ‘eu vou ensinarvos unha chea de cousas’. Eu vou ensinar algo, pero a riqueza do que vou levar… que nos ensinan eles cousas”, afirmou, poñendo en valor a diversidade cultural presente no campus.

Esa multiculturalidade reflíctese nos propios contidos do programa elaborado polos mozos e mozas. As tradicións do Nadal en Romanía ou no Perú, a elaboración das arepas venezolanas ou as diferentes formas de celebrar os aniversarios convertéronse en temas radiofónicos cos que os participantes descubriron outras culturas mentres aprendían técnicas de comunicación.

Outro dos piares do obradoiro é a creatividade. Roma puxo como exemplo un exercicio no que os participantes tiveron que deseñar a campaña publicitaria dun produto inventado chamado Babasol. Para o xornalista, a clave está en deixar voar a imaxinación. “É moi importante para eles nunca capar a creatividade”, asegurou, lembrando que detrás de cada anuncio existe un importante proceso creativo que moitas veces pasa desapercibido para quen consume contidos nas redes sociais.

Precisamente sobre publicidade, advertiu da necesidade de formar unha cidadanía crítica fronte aos impactos comerciais que reciben a diario. “Eles teñen un móbil e todo o que lles chega parece que é casual. E non teñen que entender a creación que hai detrás”, reflexionou, referíndose á publicidade dixital, aos influencers e ás novas estratexias de comunicación comercial.

A segunda parte do campus cambiará de rexistro e apostará pola comunicación entre xeracións. Carlos Roma avanzou que os participantes visitarán un centro de maiores para conversar cos residentes e, posteriormente, escribirlles cartas manuscritas. “Traballaremos sobre o concepto da carta… escoitarán á xente da residencia, escribirán unha carta e iremos levala. É unha maneira de comunicar ás diferentes xeracións”, explicou, reivindicando un formato que, segundo lembrou, perdeu protagonismo coa chegada das novas tecnoloxías.

O comunicador tamén agradeceu a colaboración de Radio Líder Santiago por abrir as súas portas ao grupo e permitirlles coñecer o funcionamento dunha emisora desde dentro. “Hoxe en día todo se cuantifica, todo ten que ter un valor. Que de maneira altruísta abrades as portas da emisora, pois moitas grazas”, manifestou durante a entrevista.

A iniciativa continuará ata finais de xullo cun programa que combina radio, podcast, publicidade, creatividade e comunicación social, convertendo o campamento urbano nun espazo onde aprender a comunicar tamén significa aprender a escoitar.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *