AD

Actualidad

Verea recuperará o esplendor das Festas do Apóstolo e converterá Santiago «nun referente cultural»

today22 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O presidente do Partido Popular de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea, defendeu durante unha entrevista en Radio Líder Santiago a necesidade de iniciar «un cambio tranquilo e solvente» na cidade, ao tempo que cargou contra a xestión do actual Goberno municipal, ao que acusou de «gobernar para uns poucos» e de carecer da ambición necesaria para situar Compostela no lugar que considera que merece.

A conversa comezou coa recente vitoria da selección española, un acontecemento que Verea definiu como unha «xornada histórica» vivida nas rúas compostelás. O candidato popular celebrou que finalmente se instalaran pantallas xigantes para seguir o encontro, aínda que sostivo que a decisión chegou tarde e impulsada pola presión cidadá. «Aplaudo que houbese pantallas, porque isto non vai de ideoloxías, vai de sentido común», afirmou, ao considerar que a cidade debía compartir un momento deportivo que cualificou como «unha ilusión colectiva».

Con todo, aproveitou para cuestionar a forma de gobernar do Executivo local. «Este non é un goberno que goberne para a maioría da cidade; é un goberno que goberna só para os seus, cunha visión tremendamente ideoloxizada e reducionista», asegurou, insistindo en que Compostela precisa unha administración que represente ao conxunto da cidadanía.

Preguntado polas imaxes de lixo rexistradas tras as celebracións, Verea apelou á responsabilidade compartida. «Todos temos que facer un esforzo colectivo para evitar esas imaxes que non lle gustan a ninguén», sinalou, convencido de que cun cambio de goberno «disfrutaremos moito máis todos xuntos da cidade» mantendo ao mesmo tempo o respecto polos espazos públicos.

Outro dos eixes da entrevista foi o futuro das Festas do Apóstolo. O líder popular criticou que a programación se dea a coñecer «tarde, mal e a rastro» e defendeu recuperar o nivel que, ao seu xuízo, caracterizou historicamente ás celebracións compostelás. «Non hai que inventar nada; Santiago tivo unhas festas espectaculares. O que hai que facer é recuperar ese orgullo e esa ambición», afirmou.

Na súa proposta, aposta por unha programación equilibrada que combine «talento santiagués, talento galego, talento nacional e talento internacional», coa finalidade de proxectar Compostela cara ao exterior e devolver ás Festas do Apóstolo o protagonismo perdido. Tamén lamentou decisións como a exclusión do tradicional Campionato da Chave, que cualificou de incomprensible polo seu valor patrimonial e popular.

No ámbito cultural, Verea mostrouse especialmente crítico coa decisión de non recuperar o videomapping sobre a fachada da Catedral e substituílo por outro formato. «Non ten ningún sentido racanear cando se están recadando millóns coa taxa turística», manifestou, asegurando que ese espectáculo contribuía a situar Santiago «no mapa» e a reforzar a súa proxección internacional.

O candidato popular tamén puxo o foco no potencial do Monte do Gozo, un espazo que considera infrautilizado. «Temos o mellor espazo para concertos de Galicia», asegurou, defendendo que pode acoller tanto grandes eventos como actuacións de formato medio. «Hai que quitar ese complexo de que outros poden e nós non. Podemos facelo e debemos facelo», afirmou, propoñendo recuperar un modelo de concertos gratuítos e de pago que, segundo lembrou, xa funcionou con éxito en Santiago.

No plano político, Verea reivindicou a súa recente designación como candidato oficial do Partido Popular e reiterou que o seu obxectivo é alcanzar a maioría suficiente para gobernar. «Non hai maior ilusión para un compostelán que ser alcalde de Santiago», declarou, convencido de que nas próximas eleccións haberá «dúas únicas opcións»: «abrir unha nova etapa» encabezada polo PP ou manter un goberno liderado polo BNG co apoio doutras formacións da esquerda.

Finalmente, insistiu en que continuará intentando formar un goberno se obtén a confianza maioritaria da cidadanía, aínda que se mostrou convencido de que o resto das forzas políticas buscarán reeditar unha alianza alternativa. «O meu proxecto é abrir unha nova etapa de cambio tranquilo e solvente para Santiago», concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *