AD

Actualidad

CPEIG e Xunta reforzan a formación do alumnado en uso seguro de internet

today23 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o presidente da entidade, Fernando Suárez, asinan o convenio para desenvolver unha nova edición desta iniciativa nos centros educativos
  • O programa chegará a 240 colexios e institutos con charlas de concienciación para o estudantado, profesorado e familias sobre prevención do ciberacoso e outros riscos

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver durante o curso 2026/27 unha nova edición do programa ‘Navega con rumbo’, unha iniciativa que permitirá achegar a formación en ciberseguridade e do uso responsable das tecnoloxías a 240 centros educativos. O acordo foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.

Este programa enmárcase na estratexia da Xunta para avanzar na transformación dixital do sistema educativo garantindo un uso seguro e responsable das ferramentas tecnolóxicas. Neste sentido, a Estratexia Educación Dixital 2030 recolle como unha das súas prioridades formar ao alumnado para que desenvolva competencias dixitais nunha contorna segura e responsable.

A través deste convenio, en cuxa sinatura tamén estivo presente a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, impartiranse 240 charlas de concienciación dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica. O fin deste acordo, como afirmou o titular de Educación, é “proporcionarlles ferramentas para navegar por Internet de forma segura e previr situacións como o ciberacoso, a perda da privacidade, os fraudes dixitais ou outros riscos asociados á contorna en liña”.

Fernando Suárez destacou que ‘Navega con Rumbo’ é o proxecto “máis ilusionante” do CPEIG. “Despois de máis de quince anos de traxectoria, a súa continuidade demostra o acerto e a visión que tivemos ao poñelo en marcha. Comprendemos moi cedo que non abondaba con achegar a tecnoloxía ás aulas, senón que era imprescindible ensinar a empregala con criterio, seguridade e responsabilidade”, sinalou.

O presidente do CPEIG explicou que o obxectivo non é afastar aos nenos e nenas da tecnoloxía, senón axudalos a manter con ela unha convivencia sa, responsable e enriquecedora. “Este programa representa un paso máis na súa educación tecnolóxica e implica tamén ao profesorado e ás familias, porque acompañar os menores no mundo dixital é unha responsabilidade compartida”, apuntou.

Subliñou tamén que a traxectoria e o impacto de ‘Navega con Rumbo’ foron recoñecidos con diferentes distincións, entre elas, o Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais, concedido en 2020 pola Agencia Española de Protección de Datos (AEPD). Pero lembrou que o maior recoñecemento é comprobar que, curso tras curso, “seguimos chegando á comunidade educativa e proporcionándolle ferramentas para afrontar con maior seguridade e confianza os retos dun ámbito dixital en permanente transformación”.

Recursos para toda a comunidade educativa

Ademais das sesións presenciais, o programa contará cunha páxina web específica e cunha Guía de Boas Prácticas en Internet, dirixida ao alumnado, ás familias e ao profesorado. Este material estará dispoñible en formato dixital e tamén se distribuirá en papel nos centros educativos que determine a Consellería.

No marco deste acordo, Educación coordinará o desenvolvemento das actividades e promoverá a participación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia nas accións de formación do profesorado relacionadas co uso seguro de Internet, a prevención do ciberacoso e os riscos da rede.

Pola súa banda, o Colexio será o responsable da execución técnica do programa, encargándose da organización e coordinación das xornadas, da elaboración das enquisas de satisfacción e dos informes de seguimento, así como de dotar os recursos humanos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento da iniciativa, baixo a supervisión da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *