Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 julio, 2026
As Festas do Apóstolo 2026 abríronse esta noite co pregón a cargo do empresario compostelán de orixe palestina Ghaleb Jaber Ibrahim, quen dedicou as súas palabras a un municipio capaz de “facerche sitio sen preguntar de onde vés”.
Dende a balconada do Pazo de Raxoi, perante unha praza do Obradoiro onde se congregaran centos de persoas que viñeron gozar da apertura da gran festa compostelá, o pregoeiro rememorou a súa chegada a Santiago en 1970, como refuxiado, a un concello que “decidiu adoptarme” e onde se sentiu “tratado como un veciño antes mesmo de saber orientarme” polas súas rúas.
O pregoeiro foi presentado no balcón pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, quen sinalou o carácter polifacético do pregoeiro, “unha persoa que vén do mundo dos negocios e salienta polo seu carácter humanista e a súa formación médica, alén do seu claro compromiso solidario coas reivindicacións do pobo palestino”. Para a alcaldesa, o de Ghaleb Jaber Ibrahim é un exemplo da capacidade de Santiago de Compostela de acoller veciñanza nacida en calquera lugar do mundo.
Durante o discurso, alén da rexedora, Ghaleb Jaber Ibrahim estivo acompañado pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e os portavoces dos grupos municipais e das concelleiras Non Adscritas. Tamén estivo presente unha persoa intérprete de lingua de signos, o que permitiu a tradución simultánea das palabras do orador. Antes do inicio do discurso, o pregoeiro foi recibido no Pazo de Raxoi pola alcaldesa e a corporación local, e asinou no Libro de Honra de Santiago de Compostela.

Ghaleb Jaber Ibrahim converteu o seu pregón nunha comunicación espontánea e íntima coa veciñanza, onde apelou ao pasado histórico e mítico de Santiago de Compostela e tamén ao presente dunha cidade de acollida onde unha identidade cidadá común achega e comprende as diversas orixes persoais de cada veciña e veciño. Así, o pregoeiro estableceu un paralelismo entre a súa travesía desde Palestina en 1970 e a viaxe do Apóstolo Santiago. Ghaleb Jaber Ibrahim aseverou que aquel estudante de Medicina que chegou de Palestina con apenas vinte anos atopou moito máis do que esperaba en Santiago: un lar. “Eu nacín en Palestina e iso non cambiará nunca, pero hai moitos anos que Compostela decidiu adoptarme e eu nunca lle puxen resistencia”, resumiu.
O pregoeiro do Apóstolo 2026 tivo palabras moi especiais para unha riqueza de Compostela “que non aparece nas guías de viaxe” onde decote se recolle o patrimonio histórico: o patrimonio humano, “a xente”.
Ghaleb Jaber Ibrahim repasou a súa traxectoria persoal e profesional nunha cidade onde durante as últimas décadas os seus proxectos empresariais e culturais deixaron unha fonda pegada. Médico de formación, o pregoeiro é tamén xornalista e fundador do emblemático Hotel Araguaney, da fundación homónima e da produtora CTV.
Sobre esta dilatada traxectoria, o empresario reivindicou a dimensión social que acadou, amplamente recoñecida dentro e fóra de Santiago. Ghaleb Jaber Ibrahim situou na “vontade de contribuír” á súa cidade de acollida o desenvolvemento dunha Fundación que traballou por consolidar, durante máis de catro décadas, o papel de Santiago como espazo de encontro, diálogo e intercambio cultural, salientando a difusión da cultura e o mundo árabes na capital de Galicia.
O pregoeiro non quixo esquecer nas súas palabras a realidade do pobo palestino, a súa patria de orixe, outorgándolle unha voz simbólica no Pazo de Raxoi e reivindicando a importancia de coñecer outras realidades e cuestionar os prexuízos e a indiferenza ante o sufrimento noutras partes do mundo.
O discurso de apertura das Festas do Apóstolo 2026 incluíu unha reflexión sobre como Santiago de Compostela convida a veciñanza e as persoas que a visitan a vivir a vida doutro xeito, en tempos de inmediatez e aceleración. “Paga a pena perder o tempo en Santiago porque é a mellor maneira de gañalo”, considerou, pondo como exemplo “un café sen présa pola zona vella, un encontro casual cun amigo…”.
“Grazas á cidade que me abriu as portas”, rematou o pregoeiro visiblemente emocionado, convidando a todas as persoas que o escoitaban na praza do Obradoiro a “gozar das Festas como só Santiago sabe facelo, coas rúas cheas, coa música soando ata ben entrada a madrugada, cos abrazos que sempre volven nestas datas”, desexando que “quen naceu aquí goce da súa cidade, e quen chegou de fóra se sinta na casa”. “Se algo aprendín nestes máis de cincuenta anos é que Compostela non se explica; vívese”, rematou.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)