Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 julio, 2026
O Concello de Rianxo fixo balance do curso político que remata destacando unha serie de actuacións que, segundo o goberno local, marcarán o presente e o futuro do municipio. Entre os fitos máis relevantes figura a aprobación da primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) da administración local, o maior orzamento da historia do Concello e o impulso a proxectos estratéxicos como a futura residencia de maiores ou a reconversión do Pazo de Rianxiño en centro de día.
A sesión plenaria celebrada esta semana deu luz verde á primeira RPT do Concello de Rianxo, un documento que permitirá ordenar a estrutura administrativa municipal, definir funcións e responsabilidades e adaptar a organización interna ás necesidades actuais da administración.
Outro dos acordos destacados foi a aprobación, no pasado mes de marzo, dun orzamento superior aos 12 millóns de euros, o máis elevado da historia do municipio. As contas consolidan programas xa iniciados durante a lexislatura e incorporan novos investimentos en infraestruturas, servizos públicos e equipamento municipal.
No ámbito sociosanitario, o Concello avanzou na tramitación da futura residencia pública de maiores. Tras aprobar en abril a cesión dunha parcela municipal á Deputación da Coruña, o organismo provincial deu luz verde ao convenio de cooperación que permitirá financiar tanto a construción do edificio como a posta en marcha do servizo.
Tamén continúa a avanzar o proxecto de rehabilitación do Pazo de Rianxiño para convertelo nun centro de día. A actuación conta xa coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co compromiso económico da Deputación para participar no seu financiamento.
Durante o último ano, o Concello tamén licitou e adxudicou actuacións de mellora dos servizos públicos en todas as parroquias por un importe superior ao millón de euros. Entre elas figuran a renovación de estradas municipais en Taragoña e Asados, así como a ampliación das redes de abastecemento de auga e saneamento en lugares como Meiquiz, Or, Villanustre, Vilas, Tronco ou Corques.
Á marxe destas actuacións, executáronse obras de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética en diversos edificios municipais, entre eles o campo de fútbol da Lomba, o Cuartel Vello, o Museo do Mar e as oficinas de Servizos Sociais. A estas actuacións sumarase proximamente a renovación integral da iluminación pública da vila de Rianxo, un proxecto xa licitado cun investimento próximo ao medio millón de euros.
No capítulo das infraestruturas hidráulicas, o goberno municipal aprobou en xaneiro dous novos proxectos para ampliar a rede de abastecemento entre Ourolo e A Burata, en Taragoña, e entre Pousada e Os Xens, no Araño, cun investimento conxunto de máis de 367.000 euros.
Outro dos proxectos destacados é a renovación do paseo marítimo de Rianxo. O Concello substituíu xa o sistema de iluminación e avanzou na tramitación da renovación do firme, unha actuación que mobilizará preto de 600.000 euros.
Co remate do curso político, o executivo local afronta agora un mes de agosto marcado pola intensa programación festiva e cultural antes de retomar no outono unha nova etapa na que prevé continuar coa execución dos proxectos xa iniciados e impulsar novas actuacións de investimento no municipio.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)