Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Pleno ratificou a solicitude de 205.995,83 euros á Deputación da Coruña e aprobou pedir á Consellería do Medio Rural os 51.498,96 euros restantes do custo de execución da obra
Arzúa | 31 de xullo de 2026.– O Pleno da Corporación municipal de Arzúa adoptou dous acordos para avanzar no financiamento da reconstrución da ponte sobre o río Iso, na Pastoriza, e recuperar a comunicación directa entre as parroquias de Santa María de Maroxo e San Pedro de Lema.
O proxecto conta cun orzamento total de 311.568,70 euros, dos que 257.494,79 euros corresponden á execución da obra e 54.073,91 euros ao IVE.
A Corporación ratificou a solicitude dunha subvención nominativa de 205.995,83 euros á Deputación da Coruña, equivalente ao 80 % do custo de execución da infraestrutura, sen incluír o IVE. Esta petición constitúe a principal vía de financiamento prevista para acometer a actuación.
O Pleno aprobou tamén unha moción presentada polo grupo de goberno para solicitar á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galiza unha achega de 51.498,96 euros, correspondente ao 20 % restante do custo de execución da obra.
As dúas solicitudes suman 257.494,79 euros, o importe íntegro previsto para a execución da nova ponte, excluído o IVE. Con estes acordos, o Concello continúa a procurar os recursos necesarios para levar adiante unha actuación cun investimento total superior aos 311.000 euros.
A reconstrución da ponte permitirá recuperar unha conexión necesaria entre Maroxo e Lema, facilitar os desprazamentos da veciñanza e mellorar o acceso ás vivendas, ás explotacións agrogandeiras e aos servizos da contorna.
A nova infraestrutura favorecerá tamén a circulación da maquinaria agrícola e dos vehículos de servizo, así como unha resposta máis áxil dos medios sanitarios, de emerxencias e de seguridade.
Os acordos adoptados polo Pleno permiten seguir avanzando para restablecer a comunicación directa entre ambas as parroquias e dar unha resposta concreta ás necesidades de mobilidade da zona.
Na mesma sesión, o Pleno da Corporación municipal aprobou establecer como festivos locais de Arzúa para o ano 2027 o 24 de xuño, festividade de San Xoán, e o 16 de xullo, festividade do Carme.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)