Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 agosto, 2026
Ames, 9 de agosto de 2026.- As festas da Peregrina de Bertamiráns puxeron este domingo o punto e final ao programa do Ames en Festas 2026, que durante dez xornadas levou música, actividades e propostas para todos os públicos ao Milladoiro e a Bertamiráns.
O peche dos festexos da Peregrina estivo protagonizado polo pregón de Isolina Martínez, veciña de 88 anos que foi a encargada de clausurar as festas e de poñer o broche final a unha nova edición do Ames en Festas.
Durante o seu pregón, Isolina Martínez amosou a súa emoción por recibir esta responsabilidade e recoñeceu que nunca pensara que, con 88 anos, tería “a honra” de dar o pregón das festas da Peregrina. A pregonera tamén puxo en valor a evolución experimentada por Ames e, especialmente, por Bertamiráns nas últimas décadas.
“Ames e Bertamiráns cambiaron moito, pero a min gústame moito máis o de agora. Un pobo moderno que medra e hai de todo”, sinalou.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou a figura da pregoeira e a súa vinculación co municipio. “Isolina é un exemplo a seguir e representa o Ames de hoxe”, afirmou o rexedor.
A xornada de clausura contou tamén coa sesión vermú e coas últimas actuacións musicais do programa, coa participación da Requinta da Maía, a Banda de música de Brión e a orquestra Suavecito, poñendo o punto final aos festexos de Bertamiráns.
Con esta xornada remata a quinta edición do Ames en Festas, unha programación que volveu unir as celebracións da Madalena, no Milladoiro, e da Peregrina, en Bertamiráns. O programa comezou o pasado 31 de xullo no Milladoiro e prolongouse ata este domingo, 9 de agosto, cunha ampla proposta de actividades musicais e de lecer.
Ao longo destes días, veciñanza e visitantes puideron desfrutar de actuacións de orquestras e grupos musicais, do Millarock, do Festival Emerxente, da Romaría Urbana, de propostas para o público infantil e doutras actividades pensadas para diferentes idades e gustos.
A programación apostou tamén por unhas festas máis inclusivas, mantendo o horario de atraccións sen ruído entre as 19.00 e as 21.00 horas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns.
Deste xeito, Ames pecha unha nova edición do seu programa festivo, que volveu encadear as festas dos seus dous principais núcleos urbanos e que tivo como protagonista final a Isolina Martínez, encargada de despedir as festas da Peregrina e o Ames en Festas 2026.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)