Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 agosto, 2026
O Concello da Estrada porá en marcha unha nova fase do plan de mellora da rede viaria municipal no rural cun investimento superior aos tres millóns de euros, a maior contía destinada ata o momento a unha única quenda de asfaltados no municipio. O importe supón preto dun millón de euros máis que o do último plan executado.
A nova programación contempla 116 actuacións de aglomerado en quente en pistas e camiños municipais repartidos por diferentes puntos do territorio estradense. Sumando estes traballos aos realizados durante o último ano, o Concello calcula que o investimento en asfaltados superará os cinco millóns de euros entre 2025 e 2026, con intervencións que alcanzarán vías das 51 parroquias do municipio.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, cualificou esta nova fase como un “investimento histórico” e destacou que o obxectivo é que o esforzo económico se traduza nunha mellora das comunicacións e das infraestruturas viarias en todo o rural.
As actuacións chegarán a Arnois, Oca, Loimil, Couso, San Miguel de Barcala, San Xurxo de Vea, Santeles, Paradela, Ribeira, Berres, Riobó, Orazo, Santa Mariña de Barcala, Frades, Santo André de Vea, San Xiao de Vea, Baloira, Toedo, Barbude, Moreira, San Tomé de Ancorados, San Pedro de Ancorados, Agar, Matalobos, Aguións, Callobre, Rubín, Curantes, Ouzande, Lagartóns, Guimarei, Somoza, San Xurxo de Cereixo, Olives, Pardemarín, Tabeirós, Parada, Nigoi, Ribela, Arca, Codeseda, Liripio e Souto, ademais de diferentes vías situadas no ámbito rural da Estrada.
Entre os puntos incluídos figuran, entre moitos outros, Os Bieites, A Carballeira e San Xiao, en Arnois; Outeiro e Oca de Arriba; Riomao e Os Casares, en Loimil; Fontenlo e Couso; O Casal e Loureiro de Arriba, en San Xurxo de Vea; ou diferentes vías de Tabeirós, onde se programan actuacións en Tabeirós, Sandán, Cimáns, Outeiro, As Carballas, Sar, As Quintas e Tosar.
Tamén se intervirá en núcleos e vías de Callobre, Rubín, Codeseda, Riobó, Orazo, Santo André de Vea e San Pedro de Ancorados, entre outras parroquias, dentro dunha programación coa que o goberno local pretende avanzar progresivamente na renovación da extensa rede municipal.
Louzao recoñeceu que, malia o volume do investimento, continúan existindo numerosas necesidades pendentes. O alcalde agradeceu a “paciencia e comprensión” dos veciños e incidiu na dificultade que supón conservar unha rede formada por arredor de 2.000 quilómetros de vías municipais.
Segundo explicou o rexedor, esta dimensión obriga o Concello a establecer prioridades e programar as intervencións, ao resultar imposible atender simultaneamente todas as demandas existentes.
O goberno municipal aposta por unha planificación anual dos asfaltados, incrementando progresivamente tanto os recursos económicos como o número de actuacións. “Temos unha rede viaria tan extensa que fai imposible dar resposta a todas as demandas coa rapidez que todos desexariamos”, sinalou Louzao, quen asegurou que a intención é “seguir mellorando progresivamente o estado das nosas estradas e chegar a todo o territorio”.
A nova quenda consolídase así como a de maior volume económico impulsada ata agora polo Concello da Estrada para a mellora dos asfaltados no rural.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)