AD

Comarca

As Cruces, en Sobrado, rememora este sábado a súa tradicional Feira do 13

today11 agosto, 2026

Fondo
share close
AD
  • A celebración mantén viva a memoria dunha feira centenaria que durante décadas tivo unha gran repercusión e atraía ata As Cruces numerosas persoas procedentes de diferentes concellos das provincias de Lugo e A Coruña
  • A cita, organizada polo Concello e os veciños das Cruces, comezará sobre as 9:30 horas e contará con postos de produtos da zona, malla, maquinaria agrícola antiga, coches clásicos, xogos tradicionais e a degustación dun becerro e dous porcos enteiros asados; a organización anima tamén ao público a acudir vestido de época

Sobrado, 11 de agosto de 2026.- As Cruces, en Sobrado, rememorará este sábado a súa tradicional Feira do 13, unha cita centenaria que durante décadas tivo unha importante repercusión e atraía ata este lugar numerosas persoas procedentes de diferentes concellos das provincias de Lugo e A Coruña. Ata As Cruces achegábanse veciños e veciñas de Curtis, Guitiriz, Baamonde, Friol, Aranga, Betanzos, Vilasantar, Arzúa, Melide e, por suposto, Sobrado, unha ampla procedencia que dá conta da relevancia que chegou a acadar a feira.

A feira deixou de celebrarse hai aproximadamente dúas décadas e, nos últimos tempos, esta tradición volveu ao calendario cunha celebración anual que busca manter viva a súa memoria. O Concello de Sobrado e os veciños das Cruces organizan o sábado unha nova edición que comezará sobre as 9:30 horas e se prolongará durante toda a xornada.

A Feira contará con postos nos que se poderán atopar produtos como queixos, embutidos, pan ou xeados da zona. Haberá tamén unha exposición de coches clásicos e outra de tractores e apeiros de labranza antigos.

A recreación da malla e os xogos tradicionais serán outras das propostas da programación.

A organización anima igualmente a xinetes e amazonas a participar na Feira do 13 e ao público a acudir vestido de época. As persoas que asistan coa vestimenta propia daqueles anos estarán convidadas a unha caña de cervexa.

Becerro e porcos asados

A gastronomía será outro dos atractivos da xornada. Haberá servizo de polbeira e unha degustación dun becerro enteiro e dous porcos enteiros asados.

A música acompañará tamén a celebración durante o día nunha nova edición da Feira do 13, unha cita coa que As Cruces volve poñer en valor as tradicións e os costumes ligados a esta feira.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *