AD

Actualidad

Nerea Barcia: “Goretti Sanmartín descobre o rural a dez meses das eleccións”

today10 agosto, 2026

Fondo
share close
AD
  • A concelleira popular critica que o goberno municipal fale agora de “reequilibrar” os investimentos cando hai parroquias nas que non figura ningunha actuación específica nos últimos anos
  • O PP denuncia tamén o deterioro dos viais e pregunta onde está o estudo de 5.000 euros sobre o estado das estradas anunciado en febreiro

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, criticou que o goberno de BNG e CA pretenda trasladar agora unha preocupación polo rural compostelán que, ao seu xuízo, non se corresponde coa xestión realizada durante os últimos tres anos. “Goretti Sanmartín descobre o rural a dez meses das eleccións despois de tres anos de abandono”, afirmou.

Barcia referiuse ás palabras da alcaldesa asegurando que o goberno municipal está intentando “reequilibrar” os investimentos entre as parroquias do norte e do sur. “O sorprendente é que despois de tres anos gobernando recoñezan agora que hai que equilibrar os investimentos. Se hai que reequilibrar é porque durante estes anos non houbo equilibrio”, sinalou.

A concelleira popular considera que “resulta difícil crer nesta preocupación sobrevida polo rural cando se achegan as eleccións municipais”. “As parroquias necesitan atención durante os catro anos, non cando faltan dez meses para votar. Necesitan planificación, investimentos e solucións aos seus problemas, non anuncios de última hora”, incidiu.

Neste sentido, Barcia advertiu das importantes diferenzas existentes entre unhas parroquias e outras, con zonas que concentran importantes investimentos mentres noutras non figura ningunha actuación específica nos últimos anos. “Todos os veciños de Santiago teñen os mesmos dereitos, vivan onde vivan. Non pode haber parroquias de primeira e parroquias de segunda”, subliñou.

Para a concelleira popular, o goberno municipal debe abandonar a improvisación e establecer unha planificación a medio prazo que permita coñecer as necesidades das 21 parroquias, fixar prioridades con criterios obxectivos e programar as actuacións necesarias.

“Falamos de 21 parroquias con necesidades diferentes, pero todas elas merecen atención e investimentos. Hai que escoitar á veciñanza e establecer unha programación que permita saber que se vai facer, onde e cando”, sinalou.

O deterioro dos viais, exemplo da falta de planificación

Barcia sinalou que unha das mostras máis evidentes da falta de planificación no rural é o estado da rede viaria, con numerosos viais deteriorados que, en moitos casos, constitúen o único acceso ás vivendas e afectan á mobilidade diaria e á seguridade da veciñanza.

A concelleira popular lembrou que no pasado mes de febreiro o goberno municipal anunciou un plan para actuar en parte da rede viaria e contratou por 5.000 euros a elaboración dun estudo sobre o estado das estradas. “Solicitamos en reiteradas ocasións acceso a esa memoria técnica e reclamamos que se faga pública, pero seguimos sen obter resposta”.

“Onde está ese estudo e en que se investiron eses 5.000 euros? Mentres seguimos agardando respostas, o que comproban cada día os veciños é que as fochancas continúan aí e que as actuacións se limitan, na maioría dos casos, a parcheados puntuais, auténticas ‘tiritas’ que non resolven o problema de fondo”, denunciou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *