Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 agosto, 2026
Un total de 60 persoas participaron este domingo nunha das tradicións máis singulares das festas de Padrón, documentada desde 1919 e que cada ano atrae máis mocidade e mulleres
As históricas cucañas da Ponte sobre o río Ulla volveron converterse este domingo, 16 de agosto, nun dos grandes atractivos das festas padronesas. Centos de persoas achegáronse para presenciar unha tradición centenaria na que participantes de todas as idades desafían o equilibrio, a auga e unha vara untada de sebo para facerse coa ansiada bandeira.
O gran protagonista desta edición foi Rubén Gontad, de Bexo, que se proclamou campión ao ser o primeiro participante en conseguir atrapar o pano vermello, desatando os aplausos do numeroso público congregado na zona.
O segundo en completar o reto foi Fidel Buceta, coñecido como Fidel da Ponte, veciño do lugar e presidente da Comisión de Festas. A terceira bandeira da xornada foi para Roberto Rial, tamén da Ponte.
A edición deste ano destacou especialmente pola elevada participación. Un total de 60 persoas se atreveron coa cucaña, nunha das convocatorias máis concorridas dos últimos anos. Desde a organización salientan, ademais, a incorporación de xente nova e o aumento progresivo da participación feminina, unha tendencia que garante o futuro desta tradición.
Documentadas desde 1919, as cucañas da Ponte constitúen unha das citas máis singulares do calendario festivo de Padrón e un espectáculo practicamente único en Galicia. Máis dun século despois, a tradición continúa medrando e conservando intacta a súa capacidade para reunir distintas xeracións arredor do río Ulla.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca; a concelleira de Festas, Chus Campos, e o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, seguiron a competición xunto ao público desde as bancadas habilitadas polo Concello.
Risas, espectaculares caídas á auga, intentos que quedaron ás portas da bandeira e a emoción de cada conquista marcaron unha tarde que volveu demostrar a enorme vitalidade das cucañas da Ponte.
O Concello de Padrón felicitou os tres gañadores, así como o conxunto de participantes e as persoas encargadas da organización, polo seu traballo para manter viva unha tradición centenaria que forma parte da identidade e do patrimonio festivo de Padrón.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)