AD

Destacado

Os socialistas reclaman coñecer se houbo recursos públicos destinados a Fly2Galicia

today20 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

Gumersindo Guinarte reclama coñecer que información tiña o Goberno municipal sobre o operador que realizará os voos e que garantías esixiu sobre a solvencia e viabilidade do proxecto.

Os socialistas piden aclarar en que consistiu exactamente a colaboración do Concello e de INCOLSA coa iniciativa e reclaman a convocatoria do Consello de Administración da empresa municipal para dar as explicacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín transparencia e explicacións ante as informacións aparecidas nos últimos días arredor de Fly2Galicia e do operador encargado de realizar os voos, despois de que o propio executivo municipal recoñecese que leva meses colaborando para impulsar a iniciativa.

Guinarte deixou claro que desde o Grupo Municipal Socialista valoran “positivamente calquera iniciativa que permita recuperar conexións aéreas para Santiago”, pero advertiu de que ven “con preocupación as informacións que están aparecendo arredor de Fly2Galicia e do operador que realizará realmente os voos”. Por iso, considera imprescindible que o Goberno municipal aclare que coñecía antes de prestar o seu apoio ao proxecto.

Neste sentido, o voceiro socialista reclamou saber “se o Goberno municipal coñecía quen ía ser ese operador”, así como “que información tiña sobre el e que garantías esixiu sobre a solvencia e a viabilidade do proxecto antes de apoialo”. Para os socialistas, as dúbidas xurdidas nos últimos días fan necesario que o executivo dea explicacións claras sobre os pasos dados e a información da que dispoñía.

Guinarte puxo especialmente o foco no respaldo prestado desde o ámbito municipal e sinalou que “queremos saber en que consistiu exactamente o apoio do Concello e de INCOLSA”. O voceiro lembrou que “o propio Goberno recoñeceu que leva meses colaborando para impulsar esta iniciativa”, polo que reclama que se detalle o alcance desa colaboración.

Así, o Grupo Municipal Socialista quere coñecer “se houbo cartos públicos, directa ou indirectamente, promoción, persoal ou outros recursos”, a través de que instrumento se canalizou o apoio e, “de ser así, de que cantidades estamos falando”. Guinarte incidiu en que non se trata de poñer en cuestión a recuperación de rutas aéreas, senón de garantir que calquera respaldo desde o Concello se produza coa máxima transparencia.

“Non cuestionamos a necesidade de recuperar conectividade”, subliñou o voceiro socialista, que defendeu que ante unha iniciativa que pode contar con respaldo municipal o que se reclama é “algo elemental cando pode haber respaldo público: transparencia, garantías e información suficiente”.

Neste contexto, Guinarte reclamou tamén a convocatoria do Consello de Administración de INCOLSA para ofrecer as explicacións pertinentes. Tal e como sinalou, “se o Goberno considera que non pode facer pública determinada información por razóns de confidencialidade”, debe convocar o órgano “canto antes, e non máis alá da primeira semana de setembro”, para trasladar aos seus membros toda a información sobre a colaboración coa iniciativa.

O voceiro socialista advertiu finalmente de que “na conectividade aérea non hai atallos” e alertou de que “todo o ruído destes días tampouco favorece ao proxecto”. Fronte ás dúbidas xeradas, Guinarte sostén que só existe unha maneira de despexalas, “para que desapareza só hai un camiño, claridade e explicacións. Iso é o que esiximos desde xa”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *