Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 agosto, 2026
O concelleiro do Partido Popular, Adrián Villa, culpou ao goberno do BNG dos problemas existentes cos fluxos e accesos de visitantes e turistas na cidade, “unha cuestión que está a xerar un problema de convivencia coa veciñanza, que leva anos pedindo que se actúe”, dixo.
Para Villa, “os nacionalistas, e os anteriores gobernos de esquerdas, levan anos mirando cara outro lado, dando unha imaxe lamentable dunha cidade que debería ser referente e pioneira na xestión turística pola carga simbólica que ten”. “É imperdoable-subliñou- que, en pleno ano 2026, non se regulen os accesos ao principal recurso da cidade: a Catedral e haxa que soportar un desleixo que está a provocar un auténtico caos nas rúas das inmediacións e todo polo simple feito de non ordenar os accesos como noutras cidades españolas ou europeas”.
O popular lembrou que esta situación non é nova, pero “a distribución de fluxos non é o único problema que arrastra a cidade, xa que “segue sen haber un reforzo no servizo de limpeza, de seguridade a pé de rúa, falta información en diferentes puntos das inmediacións da Catedral para non saturar as oficinas de turismo e as cámaras de seguridade seguen sen gravar para detectar posibles furtos ou actos vandálicos”.
En resposta ás declaracións da alcaldesa, Goretti Sanmartín, asegurando que Turismo de Santiago e a Concellería de Turismo manteñen desde hai tempo conversas coa Catedral e que están intentando chegar a un acordo, Villa considerou que “é unha falta de respecto e que a alcaldesa se está rindo de todos”. “Levan tres anos gobernando a cidade, polo que non poden seguir dicindo que están falando ou intentando chegar a acordos sobre un problema que xa coñecían cando chegaron, a estas alturas xa tiñan que telo resolto”, afirmou.
Villa incidiu, ademais, en que “a Catedral xa ten ordenados os fluxos no seu interior, conta con venda anticipada de entradas e con diferentes puntos de acceso para visitas concretas ao museo, ás cubertas ou ao Pórtico da Gloria”. Por iso, advertiu de que “a distribución e ordenación dos fluxos na vía pública é unha cuestión que lle compete ao goberno nacionalista, polo que non poden seguir botando balóns fóra para xustificar tres anos de inacción”.
O concelleiro popular tamén cuestionou as afirmacións de Sanmartín sobre a existencia dunha estratexia “para reducir o turismo no verán, pero a única estratexia activa e vixente que figura na páxina oficial de Turismo de Santiago caducou no ano 2022, co que o BNG leva tres anos gobernando e non foi capaz nin sequera de elaborar unha nova estratexia turística para a cidade”.
Para Villa, esta ausencia de planificación resulta especialmente grave ás portas dun novo Ano Santo. “Non se pode improvisar a política turística dunha cidade como Santiago, e moito menos cando todos sabemos desde hai anos que en 2027 teremos un novo Xacobeo. O BNG tivo tempo para planificar e anticiparse, pero tres anos despois seguimos sen unha estratexia turística actualizada e cos mesmos problemas nas rúas”.
Por todo isto, Villa preguntou: “Que fixo o BNG estes tres anos? Que ten pensado facer de cara ao Ano Santo do vindeiro ano 2027?”. Dúas cuestións que, segundo o popular, poñen de manifesto a inacción e sitúan ao BNG como “único culpable dos problemas de convivencia que hai na cidade”.
Así mesmo, o popular volveu preguntar “para que serven os 1,7 millóns de euros recadados coa taxa turística, porque á vista está que todos eses cartos non se aplicaron en resolver os principais problemas expostos: distribución de fluxos, información, seguridade ou limpeza”.
Finalmente, Adrián Villa indicou que só existe unha solución a esta “nefasta xestión turística”, que é “un goberno liderado por Borja Verea en maio do vindeiro ano 2027, un goberno que xa conta cunha folla de ruta e solucións enriba da mesa para mellorar a experiencia das persoas que nos visitan, cunha estratexia e unha segmentación turística claras e que teña por bandeira a convivencia entre as persoas que visitan a cidade e os veciños e veciñas, reforzando, por suposto, eses necesarios servizos básicos que neste momento non se están a prestar a ningunha das partes. graves consecuencias”.
Escrito por Líder Redacción
catedral denuncia partido popular (PP) politica Santiago de Compostela taxa turistica turismo


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)