AD

Actualidad

O PP denuncia a opacidade de BNG e CA e o abandono do Portal de Transparencia

today30 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

• De la Fuente advertiu da existencia de “numerosos apartados non actualizados, incompletos ou nos que non resulta accesible a información que o Concello está obrigado a publicar”.

• O PP considera especialmente grave o atraso na información sobre contratos menores e lembra que xa denunciou esta situación anteriormente e mesmo levou ao Pleno a necesidade de garantir unha transparencia real na xestión municipal.

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou novamente “a falta de actualización do Portal de Transparencia do Concello e a crecente opacidade coa que o goberno do BNG e CA está a xestionar a información que, por lei e pola propia normativa municipal, debería estar publicada, actualizada e facilmente accesible para todos os cidadáns”.

De la Fuente advertiu de que “unha revisión do Portal permite detectar numerosos bloques de información con deficiencias de actualización, ausencia de documentación ou dificultades para acceder aos datos máis recentes, algo que afecta a ámbitos especialmente sensibles, como a contratación, a execución orzamentaria, as modificacións dos contratos, a planificación municipal ou determinada información relativa ao persoal”.

“A transparencia non consiste en ter unha páxina web que se chame Portal de Transparencia, consiste en publicar, en tempo e forma, a información á que ten dereito a veciñanza de Santiago e permitirlles coñecer como, en que e con quen se gastan os seus cartos”, sinalou o concelleiro popular.

Para os populares resulta moi grave a demora na publicación da relación de contratos menores, por tratarse dunha das áreas nas que a transparencia resulta fundamental, co fin de facilitar o control da acción do goberno.

A Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público, establece no seu artigo 63.4 que a información relativa aos contratos menores debe publicarse, polo menos, trimestralmente, facendo constar, entre outros datos, o obxecto, duración, importe de adxudicación e identidade do adxudicatario.

“Non estamos falando dunha petición do Partido Popular -indicou-, nin dunha cortesía do goberno coa oposición, estamos falando dunha obriga legal de publicidade que existe, precisamente, para evitar zonas de sombra na contratación pública; está claro que o BNG non ten interese en que os datos sexan públicos, é inevitable preguntarse por que”, subliñou.

O PP considera que a demora na publicación por parte do goberno nacionalista de información dificulta o labor de fiscalización da oposición, pero, sobre todo, impide que os cidadáns poidan coñecer coa necesaria inmediatez como se están utilizando os recursos públicos.

“Cando a información sobre contratos menores se publica tarde, o control tamén chega tarde, e unha transparencia que chega meses despois deixa de cumprir boa parte da súa función”, subliñou.

Con todo, o popular destaca que non é un problema puntual, vai moito máis alá dos contratos menores. A revisión realizada permite detectar deficiencias en múltiples ámbitos de publicidade activa, entre eles a execución trimestral do orzamento, as modificacións orzamentarias e contractuais, determinados indicadores económicos, ou a información sobre plans e programas municipais.

Ademais, o edil popular denuncia que o goberno local esta incumprir a súa propia Ordenanza de Transparencia, que establece obrigas concretas de publicidade activa que van máis alá dos mínimos legais, e exixe que a información publicada sexa obxecto de actualización no prazo máis breve posible, cousa que non se esta a cumprir.

“Temos unha Ordenanza de Transparencia moi esixente sobre o papel e un goberno nacionalista que é incapaz de garantir que esa transparencia se produza na práctica”, afirmou o concelleiro popular.

O Partido Popular de Santiago lembra que “esta non é a primeira vez que denuncia as deficiencias do Portal de Transparencia, isto xa foi advertido anteriormente polo PP e mesmo foi obxecto de debate no Pleno municipal, reclamando ao goberno unha actualización permanente da información e o cumprimento efectivo das obrigas de publicidade activa.

Por iso, “para nós é moi grave que, pasado o tempo, non só persistan os problemas, senón que continúen acumulándose apartados sen actualizar e información que debería estar dispoñible con periodicidade trimestral ou anual” aclarou.

“Xa advertimos desta situación, -sinalou- levámola ao debate político e démoslle ao goberno nacionalista a oportunidade de corrixila, se, a día de hoxe, segue habendo información obrigatoria sen actualizar, estamos ante unha falta de vontade ou ante unha incapacidade manifesta para manter algo tan básico como o Portal de Transparencia”.

Finalmente, agregou que “a transparencia non se proclama, demóstrase e se fai publicando os contratos cando corresponde, a execución do orzamento cando corresponde e todos os datos económicos e de xestión cando corresponde, non cando ao goberno nacionalista lle resulta conveniente”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *