Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 agosto, 2026
A exposición “Mulleres en Gaza” pechará neste mes de setembro a décima edición de Compostela máis Solidaria, o programa que desenvolve a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Unidade Municipal de Atención ás Migracións do Concello de Santiago. A mostra narra o xenocidio en Gaza a través de vinte acuarelas das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, e poderase visitar no centro sociocultural do Castiñeiriño ata o 24 de setembro. A inauguración está prevista para o próximo día 2.
“Mulleres de Gaza” é unha colección de vinte acuarelas que narran o xenocidio do pobo palestino na Franxa de Gaza amosando as infancias rotas, a vulnerabilidade das nais xestantes, a morte, as penurias e a incerteza cotiás. Trátase de obras das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, que poñen ás mulleres no centro como parte fundamental do relato histórico e reivindican os seus dereitos e os do seu pobo, vulnerados tras décadas de ocupación e case tres anos de ataques sistemáticos sobre a poboación civil. A exposición, que xa visitou Euskadi e Extremadura, chega por primeira vez a Galicia no marco do programa Compostela máis Solidaria coa colaboración da ONGD Asamblea de Cooperación por la Paz e a organización palestina Psychosocial Counseling Center for Women.
Moito máis que unha exposición
“Mulleres de Gaza” estará aberta ao público do 3 ao 24 de setembro no centro sociocultural do Castiñeiriño, que será tamén o centro dun programa de actividades sobre Palestina codeseñado entre Compostela máis Solidaria e a asociación cultural Amigos do Castiñeiriño, a asociación de mulleres Recandea -tamén vinculada a este barrio compostelán- e a asociación de veciños do Castiñeiriño.
A programación comezará coa inauguración da exposición o mércores 2 de setembro, a partir das 19.00 horas. Neste acto, a ONGD galega Asemblea de Cooperación pola Paz e a súa socia palestina Psychosocial Counseling Center for Women explicarán a situación a día de hoxe en Gaza e Cisxordania. Tamén está pevista a actuación da coral Amigos do Castiñeiriño e unha achega á gastronomía tradicional palestina.
Encontro coa xornalista e escritora Teresa Aranguren
O programa deseñado arredor da exposición contempla varias actividades ao longo do mes de setembro, algunhas delas dirixidas especialmente á veciñanza do barrio e outras abertas á cidadanía, como o encontro coa xornalista e escritora Teresa Aranguren sobre o seu último libro, “Palestina, la existencia negada”. Será o xoves 17 de setembro, ás 19:30 horas, no centro sociocultural.
A exposición “Mulleres de Gaza” pechará a súa estancia en Compostela o 24 de setembro cun acto de despedida organizado pola veciñanza. Coa súa clausura pecharase tamén a décima edición de Compostela máis Solidaria, logo de que o programa de sensibilización que desenvolve a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración co Concello de Santiago a través da súa Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) ofrecera esta primavera varios obradoiros, así como a xornada de encontro coa cooperación galega “Compostela co Sur Global”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)