Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 septiembre, 2026
Gumersindo Guinarte advirte de que o Goberno local incumpriu o seu propio anuncio de levar a municipalización ao Pleno de xullo e reclama que aclare e comprometa dunha vez unha data definitiva.
Os socialistas lembran que a concesión da Praza de Galicia expirou hai máis dun ano e alertan de que en breve vencerá tamén a da Praza de Vigo sen que o Goberno explique cando culminará o proceso.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou un novo atraso na municipalización dos aparcamentos da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, despois de que o Goberno de Goretti Sanmartín anunciase que levaría o proceso ao Pleno de xullo sen que finalmente acontecese.
Guinarte advertiu de que “comeza un novo curso político e o Goberno de BNG e CA acumula materias pendentes” e lamentou que, unha vez máis, adíe unha municipalización que permitiría avanzar “cara a unha xestión pública máis vantaxosa para os santiagueses e as santiaguesas”.
O voceiro lembrou que durante este ano os socialistas tiveron que reclamar a reactivación da comisión, que levaba meses paralizada, e a documentación comprometida polo executivo. A pesar diso, “a día de hoxe, descoñecemos cal é o novo horizonte que se marca o Goberno local para culminar este proceso”, polo que reclamou que “aclare e comprometa unha data definitiva para a decisión do traspaso dos dous aparcamentos”.
Guinarte incidiu na urxencia de tomar unha decisión porque “o Goberno non chegou a tempo coa municipalización do aparcamento da Praza de Galicia, cuxa concesión expirou hai máis dun ano”, mentres se achega tamén o vencemento da concesión da Praza de Vigo.
Para o grupo socialista, non hai xustificación para continuar acumulando atrasos nun proceso que abre a porta a “mellorar as infraestruturas, establecer tarifas máis competitivas, apoiar o comercio local e, sobre todo, facilitar a mobilidade da veciñanza residente”. Por iso, Guinarte advertiu de que “non podemos seguir aprazando” unha decisión que o Goberno local leva meses comprometendo sen chegar a culminar.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)