Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Pino. 12.12-2023.- Tralo acendido das luces de Nadal o pasado martes 5 de decembro, o Concello do Pino comezará a desenvolver esta vindeira fin de semana unha programación especial con actividades e espectáculos para toda a veciñanza e coa cativada como gran protagonista.
As citas comezarán o sábado 16 de decembro, a partir das 16.30 horas, coa quinta edición da Festa do Nadal. Unha carpa instalada na praza do Concello e que contará cun disparador de confeti será o escenario da celebración dunha gran troula chea de música, divertidos xogos en familia e diferentes obradoiros con temáticas vencelladas a estas festas. Ademais, o alumnado de 4º da ESO do Pino aproveitará a celebración para instalar un posto con lambetadas, doces e chocolate quente para recadar fondos para a excursión de fin de curso.
E, como peche desta divertida tarde, a cativada poderá desfrutar do espectáculo ‘O Apalpador conta con vós’ para coñecer máis de preto a esta personaxe mítica da tradición galega. Grazas a esta peza de narración oral a cargo de Caxoto Contacontos, as persoas asistentes poderán coñecer cal é a orixe do Apalpador, a que se dedica no seu día a día e os que consellos hai que seguir para que cando nos visite nos deixe unha presada de castañas e algún dos agasallos que el mesmo constrúe.
Ao día seguinte, domingo 17 de decembro, a diversión trasládase á Casa de Cultura. Alí, e e partir das 18.00 horas, Malasombra Producións representará ‘Os fabulosos cleaners’, un espectáculo moi visual con pompas de xabón no que poderá participar toda a familia.
O público gozará con estas máxicas pompas transparentes con fume, con vapor, de todos os tamaños e estáticas ou voando polo escenario, que o transportará por un mundo máxico, cheo de cor e de moito humor.
Visita de Papá Noel
Haberá que agardar ata o mércores 20 para que a cativada desfrute dun dos días máis máxicos coa visita do Papá Noel aos centros educativos do Pino para recoller as cartas dos nenos e nenas da escola infantil A Galiña Azul, da escola unitaria de Gonzar, e do alumnado de Educación Infantil e dos primeiros cursos de Primaria do CPI Camiño de Santiago.
Concerto e exposición
A programación de Nadal inclúe tamén o sábado 30 de decembro o tradicional Concerto de Nadal a cargo da Banda Municipal de Arca. A cita está fixada para as 19.00 horas.
Así mesmo, e durante toda a segunda quincena de decembro, a Casa da Cultura acollerá a exposición ‘Bailarinas’, unha selección de acuarelas de Cristina Corral Vázquez. A mostra estará aberta entre as 10.30 a as 17.30 horas de luns a venres.
Nadal benéfico
Como cada ano por estas datas, o Concello do Pino organiza unha recollida de alimentos e produtos de hixiene e limpeza para repartir entre as persoas que máis o necesiten no municipio. As doazóns poden depositarse ata o 31 de xaneiro no centro sociocultural Luis Seoane e os supermercados Dia, Eroski e Onda.
Todas a persoas que queiran colaborar poderán facelo con alimentos non perecedoiros como latas de atún, sardiñas, mexillóns, millo, cogomelos, melocotóns…; botes de alcachofas, espárragos, xudías, chícharos, fabas, garavanzos, lentellas, pementos, grelos, acelgas…; tarros de paté, marmeladas, mel…; papas para bebés; azucre, café, cereais, galletas, cacao, leite en pó, leite condensado…; sobres de froitos secos ou deshidratados; sal, vinagre, aceite, especias; fariña, pasta, arroz, legumes, cuscús; sopa en sobres, purés…; envases de leite e zumes.
Tamén poden aportar produtos de limpeza e hixiene persoal, tales como lixivia, xabón para a louza, deterxente, limpador do chan…; pasta dentrífica, cepillos de dentes, xel de baño, champú, pastillas de xabón, desodorantes, locións, coitelas de afeitar…; papel hixiénico, papel de cociña, panos de papel, compresas, tampóns, cueiros…
Escrito por Líder Redacción
Radio Líder Santiago te ofrece una cuidada selección musical donde suenan los grandes clásicos que forman parte de nuestra vida, junto a una selección con las novedades más interesantes.
closeCopyright © 2023 Radio Líder Santiago de Compostela - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)