AD

Actualidad

A CIG exixe nas rúas de Compostela unha nova lexislación laboral para rematar coa precariedade

today1 febrero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Delegadas e delegados da CIG participaron esta mañá na asemblea nacional convocada pola central sindical para iniciar a campaña “Stop Precariedade! Traballo digno”. Unha xuntanza na que se analizaron as distintas formas de explotación laboral que, como dixo o secretario xeral, Paulo Carril, provocan que “hoxe ter un traballo non garanta os ingresos necesarios para poder vivir dignamente”. Tras da asemblea as e os asistentes percorreron en manifestación as rúas de Compostela para rematar diante da Xunta de Galiza.

Como non podía ser menos, a CIG sacou músculo logo dos resultados electorais que a confirman como indiscutíbel primeira forza sindical en Galiza. Uns resultados polos que Carril agradeceu ás persoas asistentes, entre as que estaban membros das primeiras Executivas e Secretariado Confederal, o seu traballo e compromiso. Con todo, o secretario xeral salientou que o importante “non é ser un sindicato con grande número de afiliación e de representación, senón ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder fronte á explotación de clase e firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega”.

Por iso, sinalou como obxectivo da central sindical “acumular máis forzas, máis poder sindical, porque onde hai sindicato, onde está a CIG, hai melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida”. Poder sindical que considerou imprescindíbel para combater “o roubo e saqueo á clase traballadora e ao pobo galego”, mais tamén para rematar “coa precariedade, co abuso na contratación a tempo parcial e fixa descontinua en todos os sectores, públicos e privados”.

Restitución de dereitos e consecución de novos

O secretario xeral da CIG explicou que, para iso, a central sindical puxo en marcha a campaña “Stop Precariedade! Traballo Digno”, para exixir “unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega”.

Responsabilizou o “goberno español autodenominado máis progresista da historia” de aprobar a última reforma laboral sen derrogar as anteriores, propiciando a instauración da “pobreza laboral, a continuidade das desigualdades de xénero e a extensión dos baixos salarios” e poñendo a disposición da patronal “máis medios para empeorar as nosas condicións laborais e salariais”.

Unha reforma laboral que, explicou, multiplicou a precariedade; xeneralizou a contratación a tempo parcial e a fixa-descontinua, que pasa a substituír os contratos temporais e permite o abuso e uso fraudulento dos períodos de proba, de xeito que os contratos se rescinden por non superar ese período, sen ningún tipo de indemnización. A isto engadiu o fomento dos ERTE permanentes en todos os sectores; o reforzo das ETT e das axencias privadas de colocación para levar adiante toda esta reforma, en prexuízo dos servizos públicos de emprego.

Esta situación foi retratada polos secretarios e secretarias nacionais de todas as federacións, que deron conta de como esa precariedade afecta, sen exclusión, ás traballadoras e traballadores de todos os sectores en Galiza.

Deseño planificado para aumentar beneficios empeorando as condicións laborais

Carril explicou que esta situación, que afecta á clase traballadora galega no seu conxunto, é resultado “dun deseño planificado polo capital, no que os gobernos están entregados á aprobación de permanentes reformas laborais, empeorando as condicións laborais, xerando máis inestabilidade e inseguridade laboral, causando máis recortes nos dereitos sociais que se ven substituídos por programas de beneficencia social”.

Un deseño no que “as empresas transfiren ao sector público os custos sociais de toda esta realidade de precariedade xeneralizada e de baixos salarios que cada ano caen máis no PIB”, dixo, e que se confirma ao coñecerse o dato de que “o 1% da poboación máis rica concentra 3 veces máis riqueza que o 50% máis pobre, mentres máis do 52% das familias que están na pobreza teñen emprego”, afirmou.

Por iso denunciou o papel do diálogo social e de CCOO e UGT por apoiar este modelo neoliberal. Como exemplo puxo o V Acordo Estatal de Negociación Colectiva que considerou exemplo de “entreguismo á patronal” e que se comprometeu, desde a CIG a “rachar” para “garantir o dereito a negociar e decidir democraticamente, e de forma directa en Galiza, os nosos convenios colectivos”.

A situación en Galiza

O secretario xeral da CIG acusou tamén o Goberno de Rueda, como o anterior de Feixó, de compartir estas políticas e “aquelas que reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, negando un desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares, a privatización dos servizos públicos, o imparábel avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego”.

Reclamou un plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos “para facer fronte, con xustiza social, aos efectos do cambio no tecido produtivo e no mundo do traballo”. Cambios entre os que apuntou “a descarbonización da economía, o forte impacto da implantación das novas tecnoloxías e a intensificación do proceso de valorización do capital mentres se desvaloriza o traballo”, mentres vai a máis “o risco da exclusión social e dun elevado e estrutural desemprego”.

Por iso concluíu lembrando que esta noite comeza a campaña electoral, que tamén a través do voto se conseguen cambios efectivos e reais de políticas e que desde a CIG “apostamos por unhas institucións postas ao servizo do pobo e das maiorías sociais”. Chamou a continuar facendo da CIG a primeira forza sindical en Galiza e á participación nas vindeiras eleccións, “votando por forzas políticas nacionalistas e de esquerdas, que poidan levar as nosas alternativas e demandas ao Parlamento Galego”.

Invisíbeis e precarias

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denunciou a inestabilidade, os baixos salarios, a contratación a tempo parcial, non como opción senón por imposición, e a temporalidade que sofren as mulleres, que copan o 60% dos contratos fixos descontinuos. Por iso responsabilizou ás reformas dun goberno “que presume de ser progresista e feminista” desta situación, porque “non só non atenuaron a precariedade senón que a incrementaron”.

Neste sentido denunciou o aumento da fenda salarial de xénero polo maior peso das mulleres na contratación parcial e temporal, 2,5 veces superior á dos homes; o incremento do número de contratos indefinidos a tempo parcial desde 2021 aumentaron, pasando do 15,8% en 2021 ao 20% as mulleres con contratación a tempo parcial en 2023.

Lembrou que desde a CIG se teñen formulado alternativas para reverter os efectos das reformas e medidas de conciliación “que se adapten ás nosas necesidades e non ás das empresas” e alén das reivindicacións laborais exixiu servizos públicos “para soster unha vida digna”. E non quixo rematar a súa intervención sen salientar, “como símbolo de loita”, a das traballadoras da limpeza de Lugo. “Non sabía a patronal madrileña con quen se metía”.

Negociación colectiva

Pola súa banda, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío denunciou que para o capital é un obxectivo fundamental acabar coa negociación colectiva, por ser “o principal instrumento de toma de conciencia colectiva, de solidariedade, de participación e de conquista de melloras salariais e laborais que temos a clase traballadora”.

Por iso fixo un chamamento a priorizar, na negociación dos convenios “a prohibición e limitación das novas formas de explotación laboral que naceron coas novas reformas laborais”; acadar como salario mínimo galego o que debería ser o SMI, que tal e como indica a Carta Social Europea tería que ter unha contía de 1.250 euros o mes, e superar o V Acordo Estatal de Negociación Colectiva que, denunciou, “perpetúa a reforma laboral eliminando as cláusulas de revisión salarial, pactando incrementos por debaixo do IPC, apoiando os plans privados de pensións, fomentando a precariedade e a contratación a tempo parcial”.

O secretario confederal de Emprego concluíu defendendo que, fronte o diálogo social, o único camiño é a loita e a axitación social e que para reverter a actual situación “necesitamos ampliar o Marco Galego de Relacións Laborais, que dea valor aos convenios sectoriais, provinciais ou galegos e que estes teñan prevalencia sobre os convenios de empresa e estatais”. “Precisamos”, afirmou, “ser capaces de parar mediante a negociación colectiva, a mobilización e a folga o empobrecemento e a perda de dereitos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%