AD

Actualidad

A Estrada celebra as festas de San Paio cun programa de máis de 50 actividades

today23 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Iván Lorenzo e Puri Areán, representantes da comisión organizadora, repasan os principais atractivos dun programa que combinará música, deporte, tradición e actividades para todas as idades, co pregón da agrupación estradense Tequexetéldere e un cartel musical encabezado por David Bustamante, Baiuca, Ortiga, 9Louro e as orquestras Panorama, Cinema, Gran Parada e Galilea

A Estrada xa está preparada para vivir desde mañá unha nova edición das súas festas patronais de San Paio. Durante cinco días, do 24 ao 28 de xuño, a vila converterase nun gran escenario de música, tradición, deporte e actividades para todas as idades cun programa que supera as 50 propostas e que busca chegar a públicos moi diversos.

Así o explicaron en Radio Líder Santiago os representantes da comisión organizadora, Iván Lorenzo e Puri Areán, que este ano se estrean á fronte dunhas celebracións que levan preparando desde o pasado mes de setembro. Ambos recoñeceron afrontar estas últimas horas con nervios e ilusión, pero tamén coa satisfacción de ter conseguido sacar adiante un programa pensado para toda a veciñanza. “Non pensamos en nós, senón en todos, para que lle guste a todo o mundo”, resumiu Puri Areán ao explicar a filosofía coa que a nova comisión deseñou estas festas.

Cinco días de música, tradición e actividades para todos os públicos

As celebracións arrancarán oficialmente o mércores 24 de xuño ás 12:30 horas co pregón da agrupación estradense Tequexetéldere. A comisión decidiu render homenaxe a este colectivo en recoñecemento aos seus máis de 35 anos de traxectoria e ao labor que desenvolve levando o nome da Estrada e a cultura galega por numerosos escenarios. Ademais, este verán participará no Festival Intercéltico de Lorient, en Francia. “É un grupo que leva moitos anos aquí na Estrada e este ano queremos recoñecelos polo gran labor que fai”, explicou Iván Lorenzo durante a entrevista.

O propio día 24 completarase cunha sesión vermú, a Festa do Neno, xogos acuáticos, a festa da escuma e un dos dous tardeos programados para esta edición. O xoves 25 será a quenda dos concertos de 9Louro e Baiuca, acompañados pola orquestra Gran Parada. O venres 26, coincidindo co día grande de San Paio e festivo local na Estrada, celebrarase a tradicional procesión acompañada por bandas de música e actuarán Ortiga e a Panorama. O sábado 27 será unha das noites máis agardadas co concerto de David Bustamante e a verbena da Galilea. Finalmente, o domingo 28, a orquestra Cinema e un gran espectáculo de fogos artificiais poñerán o broche final ás celebracións.

Lorenzo destacou que unha das prioridades da comisión foi construír unhas festas variadas e equilibradas. “Cada día ten o seu encanto”, explicou, subliñando que o programa combina propostas para a mocidade, actividades familiares, tradición, cultura popular e grandes actuacións musicais.

O deporte tamén gaña protagonismo

Máis aló da música, o deporte ocupará un lugar destacado dentro da programación. Durante os cinco días de festa desenvolveranse competicións de fútbol sala, fútbol 7, baloncesto, tenis e a tradicional Festa da Bicicleta. “Cada día hai unha actividade deportiva para que todo o mundo poida desfrutar dela”, destacou Iván Lorenzo, lembrando a importancia que historicamente tivo o deporte na vida social da Estrada.

Os organizadores agardan ademais unha importante afluencia de público, especialmente tendo en conta que o inicio das festas coincide co festivo autonómico de San Xoán e que o día grande de San Paio tamén é festivo local. A comisión confía en que a programación contribúa a dinamizar a hostalaría e a actividade económica do municipio durante toda a semana.

Un escaparate valorado en 15.000 euros

Outro dos grandes atractivos desta edición será o escaparate promovido pola comisión organizadora, valorado en arredor de 15.000 euros. Entre os premios figuran unha moto, unha televisión de 75 polgadas, unha PlayStation 5, un iPhone, unha bicicleta, unha neveira americana, un palé de cervexa, vales para combustible, unha viaxe e numerosos agasallos máis. O sorteo celebrarase o domingo 28 de xuño antes da actuación da orquestra Cinema e, segundo explicaron os organizadores, aínda quedan rifas dispoñibles á venda por cinco euros.

Segundo explicou a comisión, a organización das festas foi posible grazas á colaboración de empresas, comercios, hostalaría e veciñanza, que responderon de forma moi positiva ás diferentes iniciativas postas en marcha para financiar o programa. “Sentímonos moi apoiados polo sector empresarial da Estrada e a colaboración foi moi boa”, asegurou Iván Lorenzo.

Primeiro San Paio na renovada Praza de Galicia

Esta edición será tamén a primeira que se celebre coa renovada Praza de Galicia xa plenamente operativa. O novo espazo converterase nun dos grandes epicentros das festas e acollerá boa parte dos concertos máis destacados do programa, entre eles os de 9Louro, Baiuca, Ortiga ou David Bustamante.

Iván Lorenzo e Puri Areán concluíron a súa intervención convidando a toda a veciñanza e visitantes a achegarse á Estrada para desfrutar dunhas festas que buscan combinar tradición e modernidade e ofrecer alternativas para todas as idades.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *