Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 agosto, 2024
Silleda. 31-8-2024. A Festa da Empanada da Bandeira xa é de Interese Turístico Nacional. Así llo confirmaron nas últimas horas dende a Delegación do Goberno á alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que nada máis coñecer esta agardada nova comunicou a distinción ao colectivo Amigos da Empanada da Bandeira, que preside actualmente Andrés Seoane.
“Este é o broche de ouro aos 50 anos de vida dunha festa única da que toda a veciñanza silledense ten que sentirse orgullosa”, indicou a rexedora, resaltando que o recoñecemento a esta cita gastronómica, no que se levaba varios anos traballando, “é o froito do traballo que viñeron desenvolvendo as distintas directivas do colectivo Amigos da Empanada co apoio das institucións e de toda a veciñanza que participa nesta celebración”, engadiu.
Os primeiros pasos déronse en 2018, co inicio dunha campaña para conseguir o recoñecemento que agora chega, se ben a pandemia ralentizou o proceso. En marzo do ano pasado, o Pleno da Corporación acordou por unanimidade iniciar o proceso de declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, unha tramitación que comezaba meses despois ca elaboración dunha densa memoria, informes, plan de infraestruturas, seguridade, páxina web… e outros requisitos, sen esquecer os relativos ao impacto mediático dunha festa que nacía en 1974 e pola que pasaron numerosas personalidades do mundo da cultura, do deporte, medios de comunicación…
A Festa da Empanada, que reúne a milleiros de persoas cada terceiro sábado de agosto despois do día 15, e que xoga ademais un papel clave na dinamización do territorio, acadaba no ano 1999 a declaración de Interese Turístico Galego, coincidindo co 25 aniversario do evento gastronómico.
Ao longo do seu medio século de historia, a exaltación deste coñecido e versátil prato galego foi sumando celebracións como o Esmorga Folk, un dos primeiros festivais do xénero en Galicia, que vén de celebrar 34 anos de vida, e máis tarde o Bandeirock, así como outras propostas lúdicas e culturais.
A empanada da Bandeira convértese así na undécima celebración galega en contar con esta distinción a nivel nacional, que outorga o Ministerio de Turismo, tendo en conta a antigüidade, arraigo e proxección das celebracións.
Récord de recoñecementos
Este recoñecemento converte á Festa da Empanada no buque insignia do mapa gastronómico de Silleda, municipio que destaca por contar cunha ampla representación festiva neste ámbito. Así, á celebración da Bandeira súmanse outras festas gastronómicas como a Romaría da Tortilla de Laro, tamén de Interese Turístico Galego xunto co Entroido do Ulla; a Festa do Lacón de Silleda, a Festa da Paella de Cortegada, a Romaría da Rosquilla de Abades, a Festa da Castaña de Breixa, a Festa dos Callos de Ansemil-Martixe; e máis recentemente a do Vacún á brasa en Moalde.
“Esta distinción será sen dúbida un pulo importante para a promoción do noso municipio a través das celebracións culturais e gastronómicas. Poucos concellos debe haber en España cunha Festa de Interese Turístico Nacional e dúas de Interese Turístico rexional”, engade Paula Fernández.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)