AD

Actualidad

Verea atribúe á zona tensionada a perda de ata catro de cada dez pisos en alugueiro

today13 noviembre, 2026

Fondo
share close
AD

O presidente do PP compostelán atribúe á medida a caída da oferta de alugueiro e pregunta polo permiso da acampada do Obradoiro

Borja Verea cuestionou en Radio Líder Santiago os primeiros resultados da declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. O presidente do PP local cualificou o balance dos dous primeiros meses de «debacle total» e situou a vivenda no centro das súas propostas para a cidade. «O problema de vivenda é o maior problema que teñen hoxe en día os santiagueses», afirmou.

Verea sostivo que a oferta de pisos en alugueiro caera entre un 30 e un 40 % e apuntou, coa cautela de «se non me equivoco», que se asinaran arredor da metade dos contratos de alugueiro que un ano antes. Atribuíu a caída á retirada de pisos do mercado por parte dos propietarios e defendeu que o Concello ten capacidade para actuar a través do plan xeral, que determina «onde se constrúe, cando se constrúe, como se constrúe».

Sobre a folga do 11-N, o dirixente popular explicou que o seu equipo mantivo a axenda de traballo e pediu «o mesmo respecto» pola súa decisión que o que dixo ter pola da alcaldesa de secundar o paro. Ao falar das competencias municipais en vivenda, dixo da alcaldesa que «se está facendo unha folga a si mesma». Cualificou de «lamentables» as imaxes da xornada e responsabilizou o goberno local do clima de tensión que, ao seu xuízo, se vive na cidade.

O presidente do PP compostelán tamén puxo o foco na acampada pola vivenda na praza do Obradoiro. «Teñen algún tipo de permiso ou autorización para estar na praza do Obradoiro?», preguntou. Asegurou que seguía sen recibir unha resposta clara do Concello e advertiu de que a continuidade da protesta podería afectar ao uso da praza durante o Nadal.

Como candidato á alcaldía, Verea defendeu dar a coñecer as súas propostas antes das eleccións. «Quero explicar todo o que vou a facer», dixo. Entre as medidas que citou figuran a tramitación de licenzas exprés nun mes, a redución dos prazos de pagamento a provedores e unha estancia voluntaria de tres semanas en Irlanda para o alumnado de terceiro da ESO.

No tramo dedicado ás eleccións xerais, Verea admitiu que o PP trataría de conseguir o apoio de Vox se o precisase para sumar unha maioría e deixou esa posibilidade en mans dos votantes. O dirixente tamén recoñeceu que o seu partido repartira bolígrafos nunha carpa informativa e asegurou que deixou de facelo en canto recibiu o aviso da Xunta Electoral.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *