AD

Actualidad

A Mancomunidade do Camiño Francés promove en Xenebra a súa gastronomía e a Ruta Xacobea

today5 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

A delegación galega visitou a sede da ONU, participou nunha recepción na residencia oficial do embaixador e presentou a súa Guía Gastronómica na Casa de Galicia A Nosa Galiza.

A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés desenvolveu, entre o 1 e o 4 de outubro, unha axenda institucional e promocional na cidade suíza de Xenebra para dar a coñecer a Ruta Xacobea e a riqueza da súa gastronomía.

A delegación, encabezada pola presidenta da entidade, Begoña Balado, iniciou a visita na sede da Organización das Nacións Unidas, no marco dunha acción destinada a ampliar a proxección internacional do Camiño Francés e da súa Guía Gastronómica.

A axenda continuou o 2 de outubro cunha xornada na que participou Alfonso Gómez, membro do Goberno local de Xenebra e natural da localidade galega de Corme.

Ese mesmo día, a comitiva asistiu a unha recepción na residencia oficial do embaixador representante permanente de España ante a ONU, Marcos Gómez Martínez. No encontro tamén estiveron presentes a subembaixadora, Clara Cabrera Brasero; o cónsul xeral en Xenebra, Luis Fernández-Cid de la Alas Pumariño; e a conselleira diplomática de Dereitos Humanos, Miryam Naveiras Torres-Quiroga. A recepción incluíu un xantar compartido coa delegación galega.

Un dos actos centrais da viaxe foi a presentación da Guía Gastronómica do Camiño Francés, organizada en colaboración coa Casa de Galicia A Nosa Galiza de Xenebra. Ao remate, celebrouse unha degustación de produtos que permitiu achegar aos asistentes a diversidade e a calidade da gastronomía dos concellos da ruta.

O acto contou coa presenza do cónsul xeral en Xenebra, en representación do embaixador de España en Suíza; da deputada e expresidenta do Parlamento do Cantón de Xenebra, Ana Roch; e de Alfonso Gómez. Tamén asistiron membros da comunidade galega residente na cidade, propietarios de tendas de produtos españois e o presidente da Sociedade de Cafeteiros, Restauradores e Hoteleiros de Xenebra, ademais da comitiva galega.

Durante a visita, Begoña Balado destacou o valor dos produtos locais e da oferta gastronómica do Camiño Francés como un atractivo que complementa o patrimonio cultural, histórico e paisaxístico da ruta. A presidenta expresou, ademais, a confianza en que esta promoción contribúa a atraer máis visitantes suízos e peregrinos doutros países durante 2027.

A Mancomunidade continuará desenvolvendo accións de promoción en Galicia e no ámbito internacional para reforzar a proxección do Camiño Francés e dos concellos que o integran.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *