Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 enero, 2024
A vicepresidenta da ARD Rías de Muros Noia, María Lago, destaca: “pasamos de ser o destino costeiro máis estacional de España a ser equiparables aos mellores. E seguimos progresando”
26 de xaneiro de 2024.- “Queremos crecer sen deixar de ser pequenos e sen renunciar á nosa esencia: a ría”. Con estas palabras da vicepresidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa de Muros, María Lago Lestón, presentábase a marca turística Ría da Estrela-Ría de Muros Noia aos profesionais do sector turístico que asisten estes días a FITUR 2024.
Un acto realizado no stand de Galicia e ao que asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; os alcaldes de Noia, Santiago Freire Abeijón; e Porto do Son, Luís Oujo Pouso; a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón; a concelleira de Turismo e Patrimonio de Outes, Soledad Agra Tuñas; e pola concelleira de Cultura de Muros, Caridad González Cerviño.
María Lago destacou que “se algo nos caracteriza é que sabemos traballar en equipo, traballamos en modo ría, máis aló de localismos. E así somos quen de conseguir obxectivos que antes eran un soño”. Neste sentido, puxo en valor que a Ría da Estrela no 2017 “era o destino costeiro máis estacional de España, con só tres semanas de temporada alta. Hoxe somos equiparables aos mellores destinos e temos posibilidades de progresar máis aínda”. De feito, a temporada alta pasou de ser de tres meses (abril, maio e xuño) a sete meses (de abril a outubro).
Lago resumiu as razóns que levaron a este cambio: “temos unha contorna privilexiada, que insistimos en coidar, e contamos cunha hostalería e restauración sorprendentes e que nestes anos deron un importante salto de calidade, con establecementos de luxo, innovadores, que apostan pola calidade do produto, por unha economía sustentable, con produtos Km 0 Margalaica”.
Os 5 atributos da Ría da Estrela
Previamente, o responsable de comunicación da Ría de Muros Noia, José Antonio Marcote, explicara aos presentes as razóns que motivaron a presentación da nova marca, a Ría da Estrela, que “busca ter unha flexibilidade para adaptarse. É sinxela e representativa: unha estrela da nosa ría, con bordes atenuados e suaves que representan a suavidade da ría e o carácter da súa xente”.
Empatía, alegría, amabilidade, colorida e optimista. “Cinco atributos da Ría da Estrela, un por cada punta e por cada un dos cinco concellos que a compoñen: Lousame, Muros, Noia Outes e Porto do Son”, salientou Marcote. “A ría é o accidente xeográfico máis representativo de Galicia e sen embargo, á marxe das Rías Baixas, non hai ningún xeodestino que opte por levar a ría no seu nome cando en Muros Noia é o valor fundamental. A Ría é o espello onde nos vemos reflexados e onde nos vemos uns a outros. E ese traballo conxunto é a nosa gran fortaleza, que se traduce en resultados”, apuntou.
Camiño a Santiago
Ademais da presentación oficial aos profesionais do sector turístico que asisten hoxe a FITUR 2024, a Ría da Estrela realizou unha segunda presentación dirixida especificamente aos medios de comunicación e unha degustación de produtos da ría da marca “KM 0 MarGalaica”. Unha degustación elaborada por Pepe Senande, do Restaurante A Muradana (Muros), e Lucinda Caamaño, da Casa do Zuleiro (Outes) e composta por mexillóns de muros e peixes da marca Azul de Portosín (Porto do Son).
A maiores, o persoal da Ría da Estrela aproveitou para promover o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia, mantendo múltiples reunións relacionadas cun Camiño que medra en seguidores cada ano cada año e onde as peregrinacións marítimas estanse a converter nun produto comercial moi atractivo, pois son as únicas baseadas en feitos históricos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)