AD

Destacado

A solución ás gárgolas do Hostal: «Poderían quedar como quimeras e buscar unha canalización interna»

today11 mayo, 2026

Fondo
AD
  • O libro ‘Gárgolas de Compostela’ de Benxamín Vázquez e Xaime Cortizo pon en valor as máis de 300 gárgolas da cidade nunha obra que combina historia, simbolismo e fotografía documental

A recente polémica arredor das intervencións nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos serviu para que moitos composteláns descubrisen algo que levaba séculos sobre as súas cabezas: Santiago de Compostela é unha das cidades europeas con maior concentración de gárgolas. Dese redescubrimento colectivo nace tamén un renovado interese polo libro Gárgolas de Compostela (Editorial Alvarellos), unha obra asinada polo investigador Benxamín Vázquez e o fotógrafo Xaime Cortizo que recolle as trinta pezas máis singulares da cidade.

Durante a entrevista, ambos autores reivindicaron o enorme valor artístico, histórico e simbólico destas figuras pétreas, ao tempo que lamentaron o impacto visual das canalizacións colocadas recentemente no Hostal dos Reis Católicos. “O feito de poñerlle entubalas é un auténtico atentado á obra de arte”, denunciou Vázquez, moi crítico coa solución adoptada na fachada principal do edificio histórico.

O investigador explicou que o interese polas gárgolas vén de lonxe. O proxecto ten a súa orixe nun primeiro folleto publicado en 1993 polo Consorcio de Santiago baixo o título Gorxeos de Gárgolas. Agora, décadas despois, a publicación chega á súa segunda edición cunha selección revisada das pezas máis representativas. “Santiago de Compostela é quizá a cidade europea con maior densidade de gárgolas”, destacou o autor.

Para Xaime Cortizo, responsable das fotografías, o traballo foi tamén unha experiencia persoal e artística. “Xa tiña feito un traballo de campo moi extenso sobre o tema”, explicou, deixando aberta incluso a posibilidade dunha futura edición ampliada. O fotógrafo confesou ademais o especial cariño que sente pola gárgola da Casa da Parra, situada fronte á Berenguela: “É moi curioso o diálogo que fai coa torre dependendo da luz e da época do ano”.

A entrevista serviu para desmontar algúns mitos sobre estas esculturas medievais. Vázquez lembrou que as gárgolas “non son pezas que se esculpan aparte, senón que forman parte estrutural do edificio”, talladas directamente nos bloques de pedra. Tamén aclarou que a súa función orixinal era canalizar a auga, aínda que defendeu alternativas menos agresivas visualmente para conservar a súa estética histórica. “Poderían quedar como quimeras, sen expulsar a auga, e buscar unha canalización interna”, propuxo.

Entre as figuras máis singulares mencionadas durante a conversa destacou unha representación dun rapaz que “perdeu a cabeza” ao intentar montar unha besta, unha escena chea de simbolismo renacentista. “Cada gárgola conta unha historia”, resumiu o autor. Tamén chamou especialmente a atención a figura do león que protexe un neno, interpretada como símbolo de amparo e protección, ou a misteriosa representación do “Nagro”, un burro salvaxe asociado ao demo na tradición bíblica.

Boa parte da riqueza destas esculturas concéntrase no mosteiro de San Martiño Pinario, que alberga preto dun cento de gárgolas exteriores. “Hai que mirar cara arriba”, insistiu Cortizo, reivindicando unha mirada máis atenta sobre o patrimonio urbano compostelán.

O libro, editado en galego, castelán e inglés, incorpora ademais un mapa turístico que permite realizar unha ruta polas principais gárgolas da cidade. Un detalle que converte a obra nunha guía cultural e visual de enorme interese tanto para visitantes como para os propios composteláns.

A entrevista deixou tamén unha reflexión de fondo: ás veces, unha polémica patrimonial pode servir para redescubrir tesouros invisibles da cidade. E Santiago, segundo quedou claro, está cheo deles.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *