AD

Actualidad

A XII Carreira Camiño das Letras volverá unir o Pico Sacro coa Cidade da Cultura o 17 de maio

today11 mayo, 2026

Fondo
AD

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volverá sumar o deporte á celebración das Letras Galegas coa XII Carreira Camiño das Letras, unha iniciativa organizada por Xurdir que une actividade física, cultura e tradición. Así o presentaron hoxe en rolda de prensa os representantes das diversas entidades colaboradoras: Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Antonio Riveira, representante de Xurdir e responsable de seguridade viaria da carreira; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; Manuel César, concelleiro de facenda e persoal do Concello de Santiago de Compostela; Ovidio Rodeiro, alcalde do Concello de Boqueixón; e pechando o acto, Valentín García, secretario xeral da Lingua.

Durante o acto, as autoridades destacaron o papel unificador desta proba, que mestura un ano máis, deporte e literatura, nunha iniciativa que conmemora o Día das Letras Galegas promovendo a participación cidadá e poñendo en valor a lingua e a cultura galega a través da actividade física. Esta proposta busca tamén reforzar a conexión co Camiño de Santiago, creando un espazo onde o deporte se converte nun vehículo de difusión cultural e de encontro entre persoas de todas as idades.

Dúas distancias para o público adulto e circuítos para a rapazada no Gaiás

A carreira de 15 km partirá do Pico Sacro, no concello de Boqueixón, ás 10:00 h da mañá e percorrerá o Camiño do Sueste ou Ruta da Prata ata chegar á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Cinco minutos despois comezará a carreira de 5 km, que discorrerá polos exteriores da Cidade da Cultura e o Bosque de Galicia.

A partir das 12:00 h terán lugar as carreiras infantís en circuítos habilitados na Cidade da Cultura, que van desde a categoría sub 6 ata a sub 16.

As inscricións poden realizarse en www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 h do xoves 14 de maio. Os dorsais poderanse recoller o 16 de maio na sede de Xurdir (Santiago de Compostela) ou, excepcionalmente, o propio 17 de maio na secretaría da organización na Cidade da Cultura. Xunto co dorsal, as persoas participantes recibirán un libro e o diploma Camiño das Letras. O día da carreira ofrecerase servizo de autobuses e gardarroupa desde o Gaiás ata o Pico Sacro.

Premios desta edición

Coma todos os anos, as tres primeiras persoas clasificadas nas probas de 15 km e 5 km recibirán un trofeo e un lote de libros. As e os gañadores das distintas categorías tamén recibirán un lote de libros. O centro escolar con maior número de participantes chegados á meta será recoñecido cun trofeo e outro lote de libros. Para os máis pequenos entregarase unha medalla conmemorativa do evento. Como novidade, este ano premiaranse os tres clubs mellor clasificados cun trofeo e un premio económico.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *