Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 mayo, 2026
Falamos co director de seguridade da proba, que se celebrará o 17 de maio con percorridos de 15 e 5 quilómetros, circuítos para a cativada, libro de agasallo para participantes e inscricións abertas ata o día 14
A Carreira Camiño das Letras volverá converter o vindeiro 17 de maio Santiago nun gran punto de encontro entre deporte, lingua, patrimonio, natureza e gastronomía coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. A cita, que alcanza xa a súa duodécima edición, consolidouse como unha das propostas máis singulares do calendario galego ao unir actividade física, cultura e promoción do galego nun mesmo evento cun percorrido entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura.
En Radio Líder Santiago conversamos con Antonio Riveira, director de seguridade da proba e membro da organización, quen destacou que a carreira mantén intacta a filosofía coa que naceu hai xa doce anos: “A lingua hai que entendela para unir sempre, nunca para separar”.
A proba contará cun percorrido principal de 15 quilómetros entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura, ademais dunha carreira de 5 quilómetros polo entorno do Gaiás e do Bosque de Galicia e diferentes circuítos para a cativada adaptados por idades.
Segundo explicou Riveira, o percorrido longo non é só unha carreira competitiva. “É unha carreira para disfrutar”, asegurou, destacando o valor paisaxístico e patrimonial do trazado. “Ti sales do Pico Sacro e cando empezas a ver o mirador do val do Ulla, ves Santiago, o Barbanza, Arzúa… Iso tes que disfrutalo”.
A carreira discorre ademais por treitos da Ruta da Prata do Camiño de Santiago, combinando deporte con historia, natureza e patrimonio. “A parte de correr, vas pisando historia”, resumiu o responsable da proba durante a entrevista.
A organización insiste tamén en que a carreira está pensada para todo tipo de públicos e niveis. Mentres a proba de 15 quilómetros está orientada a persoas acostumadas a correr ou que buscan unha experiencia máis completa, a modalidade de 5 quilómetros preséntase como unha opción accesible para iniciarse. “É unha carreira ideal para empezar”, destacou Riveira.
No caso da proba curta, o percorrido desenvolverase integramente arredor da Cidade da Cultura e do Bosque de Galicia nun trazado accesible e pensado para favorecer a participación de persoas que se inician no running.
As probas infantís volverán ser outro dos grandes atractivos da xornada, con categorías SUB 6, SUB 8, SUB 10, SUB 12, SUB 14 e SUB 16, adaptadas ás distintas idades da cativada. A organización busca implicar ás familias nun evento no que deporte e convivencia van da man. “Como o pequeno quere correr, ao final os pais tamén acaban participando”, bromeou Antonio Riveira.
Todas as persoas participantes recibirán un libro en galego xunto co dorsal e haberá tamén premios con lotes de libros para os mellores clasificados de cada categoría, ademais de premios económicos para os clubs federados con mellores resultados.
A experiencia completarase cunha degustación de Ternera Gallega ao remate das probas para repoñer forzas na meta situada na Cidade da Cultura. “Os que corremos estamos afeitos a recibir un plátano e unha botella de auga, pero aquí tamén hai gastronomía”, destacou Riveira.
A nivel organizativo, a carreira mobilizará máis de 70 persoas entre voluntariado, colaboradores e persoal de apoio. Ademais, habilitaranse autobuses lanzadeira ata o Pico Sacro para facilitar o traslado das persoas participantes da carreira longa.
As inscricións permanecerán abertas ata o 14 de maio a través da web carreirasgalegas.com. O prezo é de 13 euros para a proba de 15 quilómetros e de 6 euros para a carreira de 5 quilómetros, mentres que as categorías infantís serán gratuítas.
A organización espera reunir novamente a centos de participantes nunha xornada que volverá celebrar o Día das Letras Galegas en movemento, unindo deporte, lingua, cultura, natureza e convivencia entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)