Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 diciembre, 2023
Rueda resaltou que deste xeito se ampliará a oferta de vivenda pública na capital galega, onde existen actualmente 271 inmobles deste tipo. Ademais, enmarcou esta medida no obxectivo da Xunta de “incrementar nun 50% o parque público residencial da Comunidade ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026”.
En concreto, o Consello autorizou hoxe licitar nos vindeiros días unha das novas promocións en Santiago de Compostela, integrada por 24 VPP, por un importe total de 4,63 millóns de euros. Ademais, tamén foi informado de que hoxe mesmo se publicou na plataforma de contratos de Galicia o procedemento para adxudicar as obras doutras 12 VPP neste mesmo barrio compostelán, cun orzamento base de licitación de 2,6 millóns de euros.
Deste xeito, e unha vez licitados os 2 contratos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poderá adxudicar e iniciar as obras de ambas as promocións ao longo de 2024 —cun prazo de execución de ano e medio no caso do edificio de 24 VPP e de 15 meses no de 12—. Tal e como explicou o presidente, os novos inmobles adxudicaranse “en réxime de alugueiro” entre as persoas inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda en Santiago de Compostela, que deberán acreditar uns ingresos de entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem (fixado en 8.400 €/ano).
O futuro edificio de 24 VPP en Lamas de Abade disporá de 3 plantas subterráneas —2 sotos e 1 semisoto— onde se situarán as 36 prazas de garaxe, os 24 rochos, así como os locais para instalacións comúns e outros servizos do edificio. Ademais, na planta baixa e nas 3 superiores estarán localizadas as vivendas, 6 en cada unha, cun total de 11 pisos con 3 dormitorios; outros 11 dotados con 2 cuartos —1 deles adaptado para persoas con mobilidade reducida—, e 2 máis con 1 dormitorio.
A superficie útil das vivendas de 3 dormitorios oscilará entre os 86,36 e os 86,77 metros cadrados, mentres que as de 2 terán entre 68,75 e 69,06 metros cadrados, e o tamaño das 2 vivendas de 1 dormitorio será de 57,98 metros de superficie útil.
En canto á segunda promoción, licitada hoxe mesmo e integrada por outras 12 novas VPP, cómpre indicar que o edificio se levantará na rúa Constantino Limia Nogueira e constará de 5 plantas divididas en soto, semisoto, planta baixa e 2 alturas máis.
Con respecto ás características dos inmobles, 10 serán vivendas de 3 dormitorios, cunha superficie útil de entre 86,56 m2 e 91,66 m², e as outras 2 terán 2 estancias e un tamaño de 80,69 m2. Ademais, o edificio disporá de 12 rochos e 18 prazas de garaxe, localizados nas plantas subterráneas.
Rueda tamén subliñou que esta “é a cuarta promoción de vivendas públicas que a Xunta saca a licitación no que vai de ano”, despois de que o pasado mes de xullo iniciase o procedemento para contratar a construción de 38 vivendas en San Paio de Navia (Vigo), a comezos de agosto licitase outras 40 en Xuxán (A Coruña) e a mediados de outubro se licitasen os traballos para rematar as obras xa en marcha para a construción dun edificio de 24 VPP no Castiñeiriño (Santiago de Compostela).
Todas estas promocións por conta do IGVS enmárcanse na Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida, aprobada polo Consello o pasado mes de marzo e que se marca como obxectivo principal incrementar nun 50% o actual parque público residencial de Galicia ata 2026. Para tal fin, durante a súa primeira fase de execución prevé edificar un total de 375 inmobles públicos nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela cun investimento estimado de preto de 70 millóns de euros.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)