Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 enero, 2026
Acisclo Manzano repasa en Radio Líder unha traxectoria vital e artística marcada pola coherencia, o amor á terra e a creación sen concesións
O escultor Acisclo Manzano foi o protagonista dunha entrevista tan didáctica como emotiva no programa Fala que Fala de Radio Líder, realizada polos alumnos e alumnas do CPI Virxe da Saleta en Cea, Ourense. Un encontro interxeracional no que o creador, con 86 anos e máis de sete décadas vencelladas á escultura, compartiu reflexións profundas sobre a arte, a vida, Galicia e o paso do tempo, sempre cun discurso claro, humano e cheo de experiencia.
Dous premios nacionais de escultura, presenza en máis de quince museos, obras en catedrais e espazos públicos e unha traxectoria recoñecida dentro e fóra de Galicia avalan a carreira dun home que nunca quixo etiquetarse: “Non me chamo artista, chámome escultor”, afirmou con rotundidade, reivindicando o oficio como esencia da súa identidade creativa.
Un nome que xa marcaba o destino
Un dos momentos máis singulares da entrevista chegou cando Acisclo Manzano explicou a orixe do seu nome. “Descubrín hai pouco que Azisclo era o nome da ferramenta dos escultores na Grecia e na Roma clásicas”, relatou. “Así que chamarse Acisclo é chamarse escultor. É unha coincidencia maiúscula”. Unha anécdota cargada de simbolismo que semella anticipar unha vida enteira dedicada á creación.
Veciño de Biduedo, no concello de Cea, onde reside desde hai arredor de cincuenta anos, confesou sentirse máis da aldea ca de calquera outro lugar: “Non son de Cea, son de Biduedo”. Alí atopou non só unha casa, senón un espazo vital desde o que crear e observar o mundo.
Ao longo da súa vida percorreu boa parte do mundo, especialmente Europa, con especial interese por Italia e Grecia. “Onde hai arte, alí estou”, asegurou. Aínda así, deixou claro que ningún lugar pode competir coa súa terra: “Coñezo todo o mundo, pero non hai como Galicia”.
A súa obra está presente en museos, catedrais, coleccións privadas e espazos públicos. Só no concello de Cea poden verse dúas esculturas súas ao aire libre. Lonxe de retirarse, Manzano segue inmerso en novos proxectos e xa prepara unha exposición moi especial para cando cumpra 90 anos, que levará por título Tocar e levar. “A xente poderá tocar a escultura e levala. É o meu agasallo á xente que ama a arte”, explicou.
Acisclo Manzano confesou que nunca tivo un taller fixo. “Podo traballar en calquera esquina. Son un escultor a domicilio”, comentou con naturalidade. A súa relación coa materia é directa e física, razón pola que prefire a madeira e o barro fronte á pedra: “Teño que tocar, teño que vivilo”.
Para el, a arte non se entende coa cabeza, senón coa emoción: “Se unha escultura non te emociona, é que quen a fixo tampouco estaba emocionado”. Unha concepción da creación artística baseada na sinceridade e na capacidade de transmitir sentimentos sen necesidade de explicacións.
Galicia, lingua e memoria cultural
Na parte final da entrevista, Manzano reivindicou o galego como lingua de vida e identidade: “É como te comunicas, como sentes a túa terra e ás persoas queridas”. Recordou tempos nos que o idioma estivo silenciado e defendeu a cultura galega como parte inseparable da súa obra.
Evocou tamén a súa relación con figuras clave da cultura galega como Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo, aos que coñeceu persoalmente, destacando deles a sabedoría, a humanidade e a capacidade creadora que marcaron a súa xeración.
Escrito por Líder Redacción
acisclo manzano escultor fala que fala galego galicia lingua galega radio lider


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)