Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 julio, 2026
A localidade de Bertamiráns acolleu este mércores, 8 de xullo, a xornada inaugural do Festival Internacional de Danza e Movemento Abanea, organizado pola asociación IS.MO Cultura, e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Arredor de 300 persoas asistiron en Ames a ver os espectáculos que se realizaron nos xardíns do Pazo da Peregrina
Ata o 12 de xullo, o festival reúne 11 compañías e artistas nacionais e internacionais en cinco concellos galegos e incorpora como principal novidade ABANEA CANLE, unha nova liña documental que ampliará a memoria do proxecto. Premendo nesta ligazón podes consultar a programación completa do Abanea 2026
Ames, 10 de xullo de 2026.- A localidade de Bertamiráns acolleu este mércores, 8 de xullo, a xornada inaugural do Festival Internacional de Danza e Movemento Abanea, organizado pola asociación IS.MO Cultura, e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Arredor de 300 persoas asistiron en Ames a ver os espectáculos que se realizaron nos xardíns do Pazo da Peregrina. Ata o 12 de xullo, o festival reúne 11 compañías e artistas nacionais e internacionais en cinco concellos galegos e incorpora como principal novidade ABANEA CANLE, unha nova liña documental que ampliará a memoria do proxecto. Premendo nesta ligazón podes consultar a programación completa do Abanea 2026.
Por terceiro ano consecutivo o concello de Ames foi unha das sedes da quinta edición do Festival Internacional de Danza e Movemento Abanea, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Nesta edición, o encontro reúne 11 compañías e artistas procedentes de Galicia, Madrid, Cataluña, Francia, Eslovenia e Chile, nunha programación que combina exhibición, mediación, acompañamento á creación e encontro profesional. Realízase de xeito itinerante por cinco concellos ata o 12 de xullo.
Creado no ano 2022, trátase dun programa de exhibición de danza en vivo que no 2023 ampliou a súa celebración en localidades das catro provincias galegas. Ames xa acolleu en 2024 e 2025 unha das xornadas do Abanea. Este ano volveu acoller a xornada inaugural do festival, para despois pasar por Outes, A Guarda, Foz e Celanova. Ao longo de cinco xornada desenvolveranse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza.
A programación combina creación contemporánea galega e internacional grazas á colaboración coa Red Acieloabierto e ao desenvolvemento do Circuito ABANEA. Participan compañías e artistas como OUPS Dance Company, Tjaša Bucik & Patricija Crnkovič, Rolando Salamé, Ángel Durán, Alejandro Moya, Elvi Balboa, Colectivo Glovo, Andrea Castro, Martín Blanco, Artístistika Movemento, Ay, Cariño! e Raquel Ferradás & María de Vicente.
Nesta edición, ABANEA reforza tamén EnRede, o seu programa de acompañamento artístico para novas creadoras e creadores, e abriu o festival cun encontro profesional que reúne representantes de Escena Galega, AAAG e APCG para reflexionar sobre o presente e o futuro das artes escénicas en Galicia. A mediación volve ocupar un lugar central coa celebración do Happening itinerante ABANEA CANLE e da Pista de Baile ABANEA, dúas propostas participativas que convidan á cidadanía a formar parte da experiencia artística.
Programación da xornada inaugural en Ames
O Festival Abanea arrancou esta quinta edición este mércores 8 de xullo en Ames. Pola mañá, de 10.00 a 12.30 horas, realizouse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha mesa de traballo impulsada por Escena Galega, que reuniu representantes de diferentes asociacións profesionais das artes escénicas de Galicia para crear un espazo de diálogo.
A xuntanza contou coa participación de Escena Galega, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación de Profesionais das Artes do Movemento de Galiza (PAM) e a Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG), promovendo un encontro de traballo orientado ao intercambio de perspectivas e á construción de marcos compartidos para o futuro do sector. Con esta iniciativa, ABANEA reafirma a súa vontade de ser tamén un espazo de encontro, reflexión e impulso para a comunidade profesional da danza e das artes do movemento, favorecendo o diálogo e a colaboración entre os diferentes axentes que conforman o ecosistema escénico galego.
Xa pola tarde, ás 19.30 horas, desenvolveuse o Happening Abanea Canle, a cargo de Carlota Mosquera. Trátase dunha serie de pílulas audiovisuais creadas en tempo real que conectan o público presencial e o virtual a través dunha mirada próxima, espontánea e chea de humor. Durante os días do festival, Happening ABANEA recollerá os encontros, os detalles e os momentos inesperados da programación para compartilos diariamente a través das redes sociais de @abaneafestival.
Peche coa programación de espectáculos
A programación continuou ás 20.30 horas nos xardíns do Pazo da Peregrina cunha programación de tres espectáculos a cargo de Andrea Castro (Lola e os lamentos); Artístika Movemento (Saías do mar); e Raquel Ferradás e María de Vicente (Diz-me, meu amor).
O evento en Ames pechouse coa Pista de Baile, que é un dos espazos de identidade de ABANEA e pecha cada xornada de programación escénica do festival. Concibida como un lugar de encontro, convida o público a transformar o espazo escénico nun territorio compartido de participación, celebración e movemento. A través de dinámicas sinxelas e accesibles, artistas, veciñas, veciños e asistentes súmanse a unha experiencia colectiva na que bailar se converte nunha forma de relacionarse, ocupar o espazo e crear comunidade.
Impulsado por ISMO Cultura, ABANEA é un proxecto de ISMO Cultura, dirixido por Marta Alonso Tejada, coa coordinación xeral de Paula Quintas, e co apoio loxístico de Cunde.gal e recoñecido entre as iniciativas culturais máis destacadas do Estado no informe Lo mejor de la Cultura da Fundación Contemporánea, o festival conta co apoio da Xunta de Galicia – Xacobeo 2027, da Red Acieloabierto–INAEM, da Deputación de Pontevedra e dos Concellos de Ames, Outes, A Guarda, Foz e Celanova.
Foro de internacionalización da danza
Por outra banda, a Axencia Galega das Industrias Culturais, a través do Centro Coreográfico Galego, organizou a segunda edición do Foro sobre a Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia, que se realiza, en paralelo ao Festival Abanea, os días 8 e 9 de xullo de 2026, nos concellos de Ames e Outes.
En Ames dito foro desenvolveuse en horario de mañá, na praia fluvial de Tapia, con dúas representacións a cargo de Martín Blanco, Máis (Daydream), e de Laboratorio Escénico, Monte. Pola tarde, houbo unha Mesa sobre Circulación nacional e internacional da danza contemporánea: de España a Europa; e Networking de presentación de compañías e proxectos galegos.
Escrito por Líder Redacción
Abanea 2026 ames festival Festival Internacional de Danza e Movemento




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)