AD

Destacado

Ames incrementará as horas dos monitores nos programas de conciliación

today29 noviembre, 2023

Background
share close
AD
  • Este xoves, día 30, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a modificación dos lotes 1 e 2 do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames e maila aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito
  • Tamén se abordará a aprobación definitiva da alteración de cualificación xurídica dun anaco de camiño público no lugar de Firmistáns; e o convenio de colaboración para a xestión do plan de sustentabilidade turística nova experiencia gastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago
  • Por último, abordaranse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG, unha relativa a reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista, e outra para denunciar a guerra de Israel contra a Franxa de Gaza. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames

Ames, 29 de novembro de 2023.- Este xoves, día 30, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a modificación dos lotes 1 e 2 do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames e maila aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito. Tamén se abordará a aprobación definitiva da alteración de cualificación xurídica dun anaco de camiño público no lugar de Firmistáns; e o convenio de colaboración para a xestión do plan de sustentabilidade turística nova experiencia gastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago. Por último, abordaranse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG, unha relativa a reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista, e outra para denunciar a guerra de Israel contra a Franxa de Gaza. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Tamén se dará conta das liñas fundamentais do orzamento 2024 e da información periódica a render ao pleno correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2023. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, das actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do 26 de outubro e do pleno extraordinario do 24 de novembro.

De seguido, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación definitiva da desafectación dun anaco de camiño público de 240,75 metros cadrados situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, que en dirección norte – sur atravesa as fincas número 37, 38 e 39 da concentración parcelaria de Bugallido, segundo o recollido no informe pericial e levantamento topográfico de outubro de 2021. A aprobación inicial tivo lugar mediante acordo plenario do 11 de setembro de2023 sen que conste a presentación de alegacións durante a súa exposición publica. A finalidade desta desafectación é alterar o trazado do referido anaco do camiño facendo coincidir a representación gráfica coa realidade física. No caso de que este punto sexa aprobado o Concello realizará a recepción formal do anaco do camiño desafectado e procederá a incorporalo no inventario municipal de bens.

Plan de sustentabilidade turística

Outro dos puntos a tratar será a aprobación para subscribir un convenio de colaboración para a xestión do plan de sustentabilidade turística nova experiencia gastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago, no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia financiando pola Unión Europea NextGeneration EU. Dito plan contempla diversas actuacións cifradas en 1.300.000 euros que serán financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia con cargo aos Fondos Europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

No mes de agosto deste ano asinouse un convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Asociación Terras de Compostela para a execución do plan de sustentabilidade turístico destino nova experiencia gastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea Next Generation EU. Con fin de garantir a correcta execución do convenio proponse a sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación Terras de Compostela e mailos nove concellos da provincia da Coruña nos que terían lugar as actuacións (Ames; A Baña; Boqueixón; Brión; Negreira; Santa Comba; Teo; Val do Dubra, e Vedra).

Modificación do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación

Por outra banda, abordarase a modificación dos lotes 1 e 2 do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames. Primeiro haberá que autorizar, se procede, a primeira modificación do contrato do servizo de monitores e persoal na rede de comedores escolares do Concello Ames (lote número 1). A modificación do contrato supón un incremento de 8.438,31 horas anuais o que representa un importe de 128.937,38 euros (supón un incremento do 6,18% sobre o contrato inicial). Ademais, hai que debater sobre a primeira modificación do contrato do servizo de monitores no programa de Bos días Cole (lote 2). Dita modificación implica un incremento de 1.649,78 horas anuais, o que representa un importe de 26.396,48 euros (supón un incremento do 8,13% sobre o contrato inicial).

Recoñecemento extraxudicial de crédito Tamén se debaterá a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos 3/2023, para o pagamento de obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 4.960,62 euros e que se corresponden todas elas a gastos devindicados no 2022, para os que non existía expediente de licitación tramitado ao efecto.

Apartado de mocións

Por último, abordaranse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG. A primeira é relativa a reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista. Nesta moción exprésase o rexeitamento ante o avance dos discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista; ínstase á Xunta de Galicia a incrementar os recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2024 de forma que se sitúen como mínimo no 1% do total; ínstase á Xunta de Galicia a incrementar os esforzos na prevención e na loita contra a violencia sexual; e demándase da Xunta a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM.

A segunda moción é para denunciar a guerra de Israel contra a Franxa de Gaza. Nela proponse condenar absolutamente, e sen matices, os crimes cometidos en Palestina, tanto no territorio do Estado de Israel como en Gaza e Cisxordania; condenar firmemente a guerra de ocupación levada a cabo por Israel contra Palestina, así como o asasinato de civís por calquera dos bandos; exixir o establecemento inmediato dun cese ao fogo e o respecto absoluto dos dereitos humanos e a legalidade internacional; mostrar solidariedade e apoio con toda Palestina e co seu exilio, provocado pola guerra e ocupación que sofren desde hai 75 anos; instar á Xunta de Galicia a colaborar e enviar axuda humanitaria á poboación palestina da Franxa de Gaza; e instar ao Goberno de España e á Unión Europea a recoñecer o Estado de Palestina.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%