AD

Actualidad

Antonio Leira: “O Plan Único é un fiel reflexo de que a Deputación ten que estar ao servizo dos concellos”

today8 mayo, 2026

Fondo
AD
  • O deputado de Deportes da Deputación da Coruña falou en Radio Líder Santiago da promoción internacional do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra e Muxía no Reino Unido, do avance da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, do impacto do Plan Único nos concellos, das axudas ao deporte provincial e asegurou que na remodelación da Avenida da Grabanxa de Sigüeiro “nunca houbo ningún bloqueo” por parte da Deputación.

Antonio Leira, deputado de Deportes e Xuventude da Deputación da Coruña, abordou en Radio Líder algunhas das principais cuestións de actualidade ligadas á institución provincial, con especial atención ao Plan Único, á promoción internacional do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra e Muxía, ao avance da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle e ás axudas destinadas ao deporte provincial. Durante a entrevista tamén se referiu á situación de diferentes proxectos no municipio de Oroso, como a Avenida da Grabanxa ou a praza Isaac Díaz Pardo.

O impacto do Plan Único nos concellos

Un dos grandes bloques da entrevista centrouse no Plan Único da Deputación, que este ano alcanza os 153 millóns de euros para os concellos da provincia.

Antonio Leira reivindicou este modelo como unha ferramenta clave para os municipios, especialmente os de menor tamaño. “O Plan Único é un fiel reflexo de que a Deputación ten que estar ao servizo dos concellos”, afirmou.

Leira puxo en valor o importante esforzo económico que realiza a Deputación cos concellos da provincia a través deste programa, que supera amplamente os fondos cos que arrancou nos seus primeiros anos. Segundo explicou, o plan permite financiar desde obras, saneamentos e parques infantís ata gasto corrente ou servizos municipais básicos como o SAF, permitindo ademais que sexan os propios concellos os que decidan as actuacións prioritarias en función das súas necesidades.

Promoción do Camiño en Reino Unido

Outro dos asuntos abordados foi a recente viaxe institucional ao Reino Unido para promocionar o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra e Muxía.

Leira destacou o “éxito tremendo” da acción promocional desenvolvida en Reading, que incluíu actividades de promoción turística, música tradicional galega e showcooking con produtos galegos nunha das principais rúas da cidade británica.

O deputado explicou tamén que durante a viaxe se instalou unha nova mouteira do Camiño en Southampton, porto de saída histórico dos peregrinos británicos cara A Coruña e Ferrol. “Foi un fito moi histórico”, asegurou, destacando ademais a repercusión mediática da iniciativa e o interese mostrado polo público británico e por operadores turísticos.

Durante a entrevista, Leira insistiu en que o Reino Unido continúa consolidándose como un dos principais mercados internacionais para o Camiño Inglés e lembrou o importante crecemento experimentado nos últimos anos. Segundo explicou, o Camiño Inglés pasou de menos de 9.000 peregrinos en 2015 a superar os 35.000 en 2025.

O deputado puxo tamén o foco na importancia destas accións de cara ao Xacobeo 2027 e destacou a colaboración entre Deputación, Xunta de Galicia e asociacións de concellos do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra e Muxía.

A vía verde máis longa de Galicia

Outro dos temas centrais da entrevista foi a situación da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, actualmente a vía verde máis longa de Galicia.

O deputado destacou que a infraestrutura suma xa 26 quilómetros operativos entre Oroso e Cerceda e que durante o último ano rexistrou máis de 38.000 percorridos, dos cales preto de 9.000 corresponderon a cicloturistas.

Durante a conversa, Leira puxo especialmente en valor o carácter seguro e natural deste espazo, pensado tanto para sendeiristas como para usuarios de bicicleta e para o desfrute en familia.

O deputado confirmou tamén que o obxectivo da Deputación é completar no outono a conexión total entre Santiago e Cerceda, ampliando o percorrido ata os 36 quilómetros. Segundo explicou, o tramo entre Santiago e Oroso foi o máis complexo da actuación debido aos problemas detectados nos túneles.

“Os túneles estaban preparados para pasar trens, non persoas”, explicou, detallando que foi necesario introducir modificacións nos proxectos para garantir a seguridade de peóns e ciclistas.

Deporte, turismo e territorio

Durante a entrevista, Antonio Leira falou tamén da II Marcha Cicloturista BTT Arzúa Destino Verde como exemplo da unión entre deporte, turismo e territorio.

Neste sentido, destacou o impacto económico e promocional deste tipo de eventos para os concellos e animou a outras localidades a impulsar propostas vinculadas ao turismo activo e á natureza. “Cada vez hai máis relación entre o deporte, a natureza e o turismo”, afirmou.

Axudas ao deporte provincial

En materia deportiva, Leira destacou tamén o esforzo da Deputación para apoiar tanto o deporte base como os clubs que compiten a nivel nacional e internacional.

Actualmente, a institución provincial destina arredor de cinco millóns de euros en distintas liñas de axudas para entidades deportivas, deportistas individuais, técnicos municipais e organización de eventos.

O deputado puxo especialmente en valor o traballo dos clubs pequenos e do deporte de base, salientando que “fan unha labor moi importante” nos barrios, parroquias e concellos da provincia.

Avenida da Grabanxa e praza Isaac Díaz Pardo

Xa no ámbito local, o tamén concelleiro do PSOE en Oroso, Antonio Leira referiuse á remodelación da Avenida da Grabanxa de Sigüeiro, asegurando que “nunca houbo ningún bloqueo” por parte da Deputación. Segundo explicou, a situación actual depende de que o Concello incorpore ao proxecto un informe topográfico e outras modificacións técnicas solicitadas pola institución provincial para poder continuar coa tramitación da actuación.

Sobre a praza Isaac Díaz Pardo, o deputado recoñeceu a funcionalidade do espazo e o uso que fan del familias e menores, aínda que insistiu na necesidade de reforzar a seguridade peonil.

Neste sentido, reclamou medidas para reforzar a seguridade peonil, como unha mellor sinalización ou a incorporación de pasos de peóns nun espazo moi frecuentado por nenos e familias.

Festa da Troita

A entrevista concluíu coa referencia á 28ª edición da Festa da Troita de Oroso, que se celebra esta fin de semana, os días 8, 9 e 10 de maio.

Leira definiu esta celebración como “a festa máis arraigada” do municipio e animou á veciñanza e aos visitantes a achegarse a Oroso para desfrutar dunha cita que combina gastronomía, música e actividades para todos os públicos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *