AD

Actualidad

Arranca a IV edición do concurso Canta con Ames

today11 julio, 2024

Fondo
share close
AD

Este ano a participación incrementouse en máis dun 30% con respecto a edición anterior, pasando de 24 a 32 participantes

Os/as participantes proceden de Lugo, A Estrada, Brión, Padrón, Pontevedra, Cambre, Laracha, Vigo, Silleda, Teo, Madrid e Ames, con idades comprendidas entre os 8 e o 79 anos

Haberá dúas xornadas de preselección, unha mañá no Milladoiro e outra o sábado 13 en Bertamiráns

O concurso será presentado por Loly Gómez, e o xurado estará composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López

Ames, 10 de xullo de 2024.– Mañá, venres 12 de xullo comeza unha nova edición do concurso Canta con Ames coa primeira xornada de preselección. Este ano a participación incrementouse máis dun 30% con respecto a edición anterior, pasando de 24 a 32 participantes. Entre os/as concursantes hai persoas de Ames pero tamén doutros puntos de Galicia e España. Haberá tres categorías: persoas ata 17 anos, con 12 participantes; persoas a partir dos 18 anos, na que se inscribiron 15 artistas; e  dúos e tríos (catro dúos e un trío). Haberá dúas xornadas de preselección, unha mañá no Milladoiro e outra o sábado 13 en Bertamiráns. A semifinal será no Milladoiro o 3 de agosto e a final celebrase en Bertamiráns o 11 de agosto. O concurso será presentado por Loly Gómez, e o xurado estará composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López.

Este concurso está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Neste certame concursarán cantantes afeccionados/as.

Nesta edición hai 32 persoas inscritas de Lugo, A Estrada, Brión, Padrón, Pontevedra, Cambre, Laracha, Vigo, Silleda, Teo, Madrid e Ames, con idades comprendidas entre os 8 e o 79 anos. Finalmente establécense tres categorías. Deste xeito, na primeira categoría (persoas ata 17 anos) hai inscritas 12 persoas; na segunda categoría (persoas a partir dos 18 anos) apuntáronse 15 artistas; e na terceira categoría (dúos e tríos) participan 4 dúos e 1 trío.

A concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz, destaca “a consolidación deste concurso que  xa se asentou entre a programación de verán do Concello de Ames. Un boa mostra é que nesta cuarta edición contamos cun 30% máis de participación, con artistas de Ames pero tamén de concellos máis afastados ao noso municipio como son Lugo e Pontevedra, e mesmo de Madrid”.

Ademais, engadiu que “non podemos esquecer o motivo polo que naceu este concurso: animar as rúas de Ames para incentivar as compras no comercio e na hostalería locais”.

Fase de preselección

O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección: o 12 de xullo, ás 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro; e mailo 13 de xullo, tamén ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).

O 16 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 24 de xullo, as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Semifinal e final no mes de agosto

A semifinal será o 3 de agosto, ás 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 11 de agosto, ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas; de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Este ano o xurado do concurso estará composto por Inés Suárez Rey, Noelia Bellas Ferreira e Lara López Súarez. A presentadora será Loly Gómez Oviedo.

Premios

O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 3 gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%